Finaliza o proxecto Recupera, liderado por Balidea, no que se desenvolveu un sistema que combina robótica e realidade virtual para a rehabilitación de pacientes con dano neurolóxico

Finaliza o proxecto Recupera, liderado por Balidea, no que se desenvolveu un sistema que combina robótica e realidade virtual para a rehabilitación de pacientes con dano neurolóxico

O proxecto Recupera, sistema de apoio para a recuperación de funcionalidades de pacientes afectados por dano neurolóxico, presentou os seus resultados logo de tres anos de desenvolvemento. Trátase dun proxecto de I+D+i desenvolvido por un consorcio liderado por Balidea e no que tamén participan as enxeñerías DGH e I3Te, a produtora audiovisual Ficción e o hospital privado Povisa. Os resultados presentáronse hoxe en Aimen Centro Tecnolóxico, que colabora co consorcio de empresas, como entidade subcontratada.

Recupera propón unha nova solución, baseada na combinación da robótica colaborativa con contornas virtuais inmersivas de rehabilitación, para o seu uso na recuperación da mobilidade das extremidades superiores de pacientes con necesidades de rehabilitación neuromotora, co obxectivo de poder levar a cabo ensaios clínicos en persoas con patoloxías neurolóxicas. Recupera nace como continuación do proxecto Fisiorob.

No proxecto Recupera desenvolveuse un sistema robotizado modular que permitirá asistir aos pacientes en todas as fases de recuperación: desde a máis crítica, cando o paciente non ten capacidade neuromotora apreciable, pasando pola etapa onde se ten capacidade de movemento pero non resistencia, ata a fase previa á alta médica cando o paciente ten capacidade suficiente de movemento, pero un escaso control motriz.

En 2018, a última anualidade  do proxecto, finalizouse o seu desenvolvemento coa integración dos principais subsistemas. Conseguiuse un prototipo totalmente funcional que une unha contorna de Realidade Virtual con exercicios avanzados, un sistema de sensores inerciais para a localización en 3D, un control mellorado e un sistema informático que integra control, interface gráfica e almacenamento en BBDD.

Asi mesmo, nesta última anualidade realizáronse probas con persoas sas, co obxectivo de demostrar que o aparello mostra información obxectiva de valores cinéticos e cinemáticos, que non é lesivo e que os parámetros poden mellorar co adestramento. Ademais, grazas a estas probas xeraranse patróns de comportamento que permitirán comparativas entre pacientes reais e os datos de persoas sas.

O proxecto contou cun orzamento de 862.390,17 €, cofinanciado en 456.636,17 € pola Axencia Galega de Innovación e apoiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do programa Conecta Peme para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

Comparte este post: