TOURAL, tecnoloxías móbiles innovadoras para grandes eventos culturais

TOURAL, tecnoloxías móbiles innovadoras para grandes eventos culturais

O consorcio do proxecto TOURAL (siglas para Tecnoloxías Orientadas á Ubicación, Realidade Aumentada e Lincaxe para feiras, recintos e eventos culturais), integrado polas empresas Balidea, Nordesía Produccións e Situm Technologies, presentou esta mañá as principais características desta iniciativa, que ten como obxectivo o desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras que permitan, usando aplicacións para dispositivos móbiles, a interacción total entre os profesionais que asistan a feiras, congresos e grandes eventos culturais. Esta interacción permitirá poñer en contacto aos asistentes tanto entre si como cos organizadores dos eventos. Así mesmo, facilitará o guiado e localización dentro e fóra do recinto onde se celebra a feira. A maiores as ferramentas complementaranse con visitas aos stands mediante o uso de tecnoloxías de realidade aumentada.

Na presentación interviñeron Carlos Segade Domínguez, director de Servizos BPO de Balidea; Raquel Toja Gómez, xefa de proxecto; Rocío Castro, responsable de comunicación de Nordesía; Vitor Álvarez, CEO de Situm Technologies; e Juan Martín, socio da start up S-REC. Todos eles destacaron como marca diferencial do proxecto o seu localizador de activos, a través do cal a aplicación identificará e recomendará de forma personalizada aqueles contactos profesionais, expositores ou eventos do programa de interese para cada usuario da ferramenta en función do seu sector de actividade, ámbito de negocio e misión nese encontro.

Eventos como WOMEX (The World Music Expo), que celebrou a súa última edición en Santiago de Compostela o pasado mes de outubro, xa amosaron o seu interese polo proxecto e puxeron de manifesto a importancia deste tipo de ferramentas. O WOMEX serviu como toma de contacto con profesionais do sector cultural e permitiu realizar un primeiro test sobre o enfoque da plataforma con diferentes axentes internacionais.

As empresas implicadas estiman un elevado impacto socio-económico do proxecto, grazas ao seu alto potencial internacional, cunha xeración de 6 novos empregos durante o seu desenvolvemento e ao redor de 22 trala súa implantación e posta en marcha. O orzamento global de TOURAL ascende a 670.000 € e está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do programa Conecta PEME para o fomento da cooperación entre as pequenas e medianas empresas e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, que á súa vez conta con cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea (FEDER, OT1 “Promover o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación e unha investigación de calidade”, P.O. FEDER GALICIA 2014-2020).

TOURAL: Tecnoloxías Orientadas á Ubicación, Realidade Aumentada e Lincaxe para feiras, recintos e eventos culturais

O proxecto de Balidea, Nordesía e Situm Technologies propón o desenvolvemento dunha plataforma especificamente pensada para grandes eventos culturais que, mediante o uso de aplicacións móbiles, lles permita aos asistentes relacionarse con todo o que está sucedendo, posibilitando a súa localización en todo momento, o seu guiado ata os puntos de interese e a interacción cos demais asistentes e cos contidos empregando un sistema de realidade aumentada.

O proxecto servirá tamén como proba para o sistema recomendador da start up galega S-REC, empresa especializada no desenvolvemento de tecnoloxías de recomendación de eventos e contactos profesionais. Deste xeito, a aplicación localizará en cada momento aqueles activos que poden supoñer un contacto de interese para cada usuario en función da súa área profesional de dedicación e os seus motivos de asistencia ao evento.

A proposta parte dunha serie de experiencias previas e levadas á practica en eventos de menor escala, como a Festa da Istoria de Ribadavia ou a feira de emprendemento universitario iberoamericano SPIN 2016, e conta para o seu desenvolvemento co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) como centro de investigación asociado.

Comparte este post: