Tecnoloxía innovadora para a xestión e optimización de recursos forestais

Tecnoloxía innovadora para a xestión e optimización de recursos forestais

Presentamos na sede do Instituto Tecnolóxico de Galicia ( ITG) o proxecto Xestal de ordenación e xestión forestal sustentable mediante teledetección remota, xunto coas demais compañías que compoñen o consorcio para o desenvolvemento da proposta, liderado pola empresa  Aeromedia, integrado tamén por CernaGreenalia; e co apoio do propio  ITG e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) como organismos investigadores.

O proxecto, que comezou en xuño de 2018 e finalizará en setembro de 2020, está concibido para a optimización de procesos clave na xestión de recursos forestais, facilitando información actualizada e de valor engadido para unha mellora na toma de decisións, control e execución das diferentes actuacións que implican os Plans de Ordenación Forestal (podas, adecuación de pistas, etc.). Todo iso será posible grazas ao desenvolvemento dun dron (UAV  Vtol – de á fixa con capacidade de despegamento e aterraxe vertical) cun sistema de  teledetección embarcado que permitirá a captación de información en alta resolución, mantendo a máxima autonomía e o mínimo custo.

Mostraxes máis precisas, rápidas e menos custosas

Ao utilizar UAV, as mostraxes poderanse realizar a baixa altura, polo que a precisión das imaxes será moito maior. Ademais, o custo e tempo de preparación dun voo non tripulado é notablemente inferior ao dun tripulado. Outro dos grandes retos que expón o proxecto é a reconstrución en 3D do terreo  escaneado a gran velocidade.

Os resultados deste proxecto diríxense principalmente ao desenvolvemento de produtos para a xestión de monte privado e será, ademais, unha ferramenta valiosa para dar soporte a procesos de sistemas de certificación forestal, como o  FSC ou o  PEFC.

Este proxecto está subvencionado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do programa Conecta PEME, que conta con cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

Comparte este post: