Sabius, un aforro próximo ao 40% anual no control sanitario das zonas de augas de baño

Sabius, un aforro próximo ao 40% anual no control sanitario das zonas de augas de baño

Balidea presentou hoxe os resultados do proxecto de I+D+i Sabius, xunto aos seus socios colaboradores Indrops, Proyfe, CYE Control y Estudios e o Instituto Tecnológico de Galicia. O seu obxectivo era o desenvolvemento dun sistema avanzado de baixo custo e fácil manexo baseado en nano-biosensores para a xestión da seguridade das augas de baño. Para iso traballouse cun prototipo experimental de estación portátil, que permitiu realizar unha estimación de aforro anual no control sanitario das zonas de baño de entre un 30% e un 40%.

Entre as principais vantaxes do dispositivo Sabius destacan a posibilidade de ser usado in situ, o seu reducido tempo de análise, inferior ás dúas horas, e o baixo custo de análise. Todo iso faino moi apropiado para utilizar como método de alerta temperá e protexer con rapidez a bañistas cando se sospeite que existe un episodio contaminante.

Este proxecto conta con financiamento do programa Conecta Peme da Axencia Galega de Innovación (GAIN) de fomento da Investigación e a Innovación empresarial, na súa convocatoria de 2016.

Solución innovadora para un problema de saúde pública

O proxecto Sabius aborda a problemática da seguridade das augas de baño en relación coa presenza de axentes microbiolóxicos que representan un perigo para a saúde. Partindo do interese contrastado con administracións públicas competentes na materia, propúxose unha solución tecnolóxica innovadora para a detección in situ de dúas bacterias concretas, Enterococos e E- Coli, catalogadas como de elevado risco pola Organización Mundial da Saúde (OMS), cuxo control é obrigado por normativa e que na actualidade só é posible detectar mediante a recollida de mostras e a súa posterior análise en laboratorio.

Ao dispoñer da información no momento e lugar de mostraxe, ademais das vantaxes claras en materia de seguridade, a solución tecnolóxica que achega Sabius contribúe á mellora dos procesos loxísticos do control da calidade de augas de baño, estimándose un aforro de entre o 30% e o 40% derivado da eliminación dos custos de analíticas de laboratorio e dunhas rutas de inspección máis eficientes, que non requiren transporte de mostras.

Laboratorio móbil

Desde o punto de vista tecnolóxico, a solución configúrase como un equipo portátil de baixo custo e consumo (Sabius Mobile LAB), con capacidades de detección multiparamétrica para o control de Enterococos, E. Coli e outros parámetros físico-químicos de calidade da auga. Ademais integra unha aplicación de control e xestión para facilitarlle o proceso de medida e inspección ao persoal técnico.

A novidade tecnolóxica baséase na integración eficiente de novos módulos nanosensores Lab- On-a-Chip (LOC), mediante o deseño dunha arquitectura microelectrónica de adquisición de datos altamente modular e escalable, que permita optimizar o trinomio consumo-custo- portabilidad, tendo en conta os requisitos normativos de aplicación para facilitar a súa certificación.

Sabius presenta unha clara aliñación coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), en relación coa definición dun novo modelo de xestión dos recursos naturais e o impulso das TIC como sector tractor da economía do coñecemento.

Comparte este post: