Robótica amigable para a vida cotiá das persoas adultas maiores

Robótica amigable para a vida cotiá das persoas adultas maiores

Esta mañá presentáronse no Espazo+60 de Afundación os avances do proxecto NETA V3A, que propón a robótica amigable como apoio para o envellecemento activo e o empoderamento das persoas adultas maiores. Os seus impulsores afrontaron ao longo de 2019 a definición conceptual do robot, concretamente o seu deseño visual e morfolóxico; as interfaces software e os módulos de interacción por voz que permitirán aos usuarios acceder ás distintas funcionalidades tanto en castelán como en galego. Para iso contaron tamén coa colaboración de Afundación e os socios voluntarios do Espazo+60, que achegaron a súa experiencia vital e profesional para o desenvolvemento do corpus conversacional e a conteptualización de NETA, imaxinando un robot afastado de estereotipos. Na seguinte fase construirán o primeiro prototipo co obxectivo de realizar os pilotos durante o verán e poder presentalo a finais de 2020.

Trátase dunha iniciativa de I+D+i que busca achegar solucións tecnolóxicas para mellorar a calidade de vida dos adultos maiores, no marco da convocatoria Conecta Peme da Axencia Galega de Innovación ( GAIN). Á fronte de  NETAV3A están as empresas  Atendo, Balidea, Fruto DS e Ledisson AIT, con Gradiant como centro tecnolóxico asociado. Propoñen robótica social, asistencia por voz,  gamificación e intelixencia artificial para ofrecer unha solución tecnolóxica respectuosa e que apoie a cada persoa no desenvolvemento do seu plan de vida. Traballaron desde o modelo da Atención Centrada na Persoa (ACP) porque se basea no respecto á singularidade e as decisións persoais.

No acto Luís Barros, coordinador do proxecto, destacou o futuro prometedor da robótica social e asistencial para afrontar e dar solución ao reto demográfico e en especial á alta porcentaxe de adultos maiores que viven sós. “É unha ferramenta de apoio que vai permitir ás persoas manter a súa independencia sen ter que deixar o seu fogar e seguindo vinculadas coa súa contorna, tanto familiar como social”, asegurou, engadindo que se trata dunha solución que achega un plus de valor ao que actualmente ofrece a teleasistencia e as solucións de sensorización do fogar, e que formará parte das carteiras de servizos sociosanitarios nun futuro non moi afastado.

Pola súa banda, María del Carmen López Pérez, responsable da oficina de I+D+i de  Balidea, resaltou que “se está desenvolvendo en Galicia algo moi novidoso baseado en técnicas de Intelixencia Artificial, materia na que  Balidea aposta para poñer a tecnoloxía ao servizo das persoas e conseguir que NETA entenda as necesidades particulares do colectivo de maiores”.

Tamén interviñeron María del Carmen López Pérez, responsable da oficina de I+D+i de  Balidea;  Héctor Robles Santalla, responsable Innovación en Atendo; Alberto Montiel, director de proxectos en FrutoDS; Manuel Rodríguez Vicente, responsable do proxecto en LedissonAIT; e Lorena González Castro, enxeñeira investigadora Senior da área de Saúde de Gradiant.

Avances no deseño e fabricación do robot

Tal e como comentaron as empresas desenvolvedoras, no 2019 definíronse as funcionalidades e requisitos de NETAV3A, así como o seu plan de probas. Así mesmo, están a finalizarse as actividades relacionadas coa definición conceptual do robot, concretamente o seu deseño visual e morfolóxico.

Ao mesmo tempo avanzouse nas actividades de deseño e desenvolvemento da plataforma tecnolóxica asociada, principalmente as relacionadas coa creación do corpus conversacional, a implementación do bot conversador, o deseño da arquitectura da plataforma, o deseño da interface robótica e a implementación da plataforma asistencial.

Tamén se realizaron outras actividades correspondentes ao deseño e desenvolvemento do robot, como o estudo de requirimentos técnicos que non cumpre o robot social estándar, o estado da arte dos módulos externos a engadir, o deseño da carcasa do robot, a fabricación do prototipo desta e o deseño interno, a construción e integración do robot NETA V3A.

Un robot asistencial por voz

O obxectivo xeral deste proxecto é desenvolver un robot, NETA, como un elemento de apoio para que as persoas estean o maior tempo posible vivindo a vida como a queren vivir. Estando na súa casa, permanecendo integradas na súa comunidade, dunha maneira segura, cun apoio no caso de soidade, cunha ferramenta motivacional para ter unha vida activa sen que resulte invasiva e amable desde o punto de vista do aspecto e a función.

NETA V3A pretende ser unha presenza amigable de prevención e un asistente para o empoderamento e a vida activa.

Este proxecto intégrase na chamada “economía prateada” ( silver  econcomy) da que derivarán produtos e servizos para as novas xeracións de adultos maiores. Está subvencionado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do programa Conecta Peme, á súa vez cofinanciado polo Fondo de Desenvolvemento Rexional (Feder) da Unión Europea.

Comparte este post: