Renovamos o noso convenio de colaboración co Monbus Obradoiro

Renovamos o noso convenio de colaboración co Monbus Obradoiro

Esta mañá comunicamos en rolda de prensa a ampliación do compromiso que mantemos co Monbus Obradoiro, como membro do Club de Empresas Obradoiro e como patrocinador do seu equipo cadete. Así o anunciou o noso director de Desenvolvemento de Negocio, José Ángel Abeal, que recibiu na nosa sede central en Santiago ao adestrador, Moncho Fernández, e ao director de márketing, Daniel Agra. “Para nós é un pracer colaborar en todas as accións que podamos, como realizar aquí hoxe esta rolda de prensa previa ao partido Barça-Obra deste domingo, polo que estamos encantados de que esteades aquí", asegurou.

Pola súa banda, o director de márketing do Monbus Obradoiro, Daniel Agra, detallou que “hoxe presentamos oficialmente a renovación do convenio de colaboración entre Balidea e o Monbus Obradoiro. É unha renovación moi importante para nós, en primeiro lugar, polo tempo que xa levamos da man. Ademais,  Balidea non só apoia ao primeiro equipo a través do desenvolvemento tecnolóxico aplicado aos nosos adestramentos a través dun programa propio, senón que tamén colabora coa canteira, xa que é padriño dun dos equipos cadetes. É un orgullo seguir contando con empresas que non só apoien ao primeiro equipo, senón tamén ás categorías inferiores”.

Barça-Obra

O Monbus Obradoiro disputa un novo encontro da Liga Endesa este domingo, ás 12:30 horas, na pista do Barça (Movistar Deportes – Dial 53). Moncho Fernández atendeu aos medios de comunicación na rolda de prensa que tivo lugar nas nosas instalacións, dando as claves do encontro: "hai que facer moitas cousas ben, no aspecto ofensivo e defensivo, se lles queres gañar. Non só son un gran equipo desde o punto de vista do ataque pola calidade individual dos seus xogadores e a calidade como colectivo, senón que defensivamente son dos equipos que mellor defende na media pista de toda a liga. Por iso non só imos ter que estar ben no aspecto defensivo para frear o seu caudal anotador, senón tamén no aspecto ofensivo e ser capaces de anotar”.

 

Comparte este post: