Prebencar e Smart Cardia, innovación tecnolóxica para a promoción da saúde cardiovascular aplicable en prevención e rehabilitación cardíaca

Prebencar e Smart Cardia, innovación tecnolóxica para a promoción da saúde cardiovascular aplicable en prevención e rehabilitación cardíaca

Balidea vén de presentar no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) os resultados do proxecto de I+D+i Prebencar, que acaba de rematar, e os obxectivos de Smart Cardia, iniciado recentemente como continuación do primeiro. Ambos os dous están dirixidos á promoción da saúde cardiovascular, Prebencar centrado na prevención e Smarta Cardia no proceso de rehabilitación cardíaca. Están impulsados por dous consorcios de empresas integrados por Balidea e Imagames no primeiro caso; e Balidea, SM Tecnología e Imagames no segundo. Así mesmo, contan coa Fundación Idis e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS) como centros tecnolóxicos asociados.

As dúas propostas nacen de necesidades asistenciais detectadas por profesionais sanitarios do ámbito da cardioloxía e céntranse no desenvolvemento de ferramentas TIC cunha dobre vontade: afondar no empoderamento dos pacientes, outorgándolles unha maior autonomía na xestión diaria da súa saúde cardiovascular; e na achega de terapias avanzadas, que impliquen unha atención personalizada e con técnicas de motivación a través da gamificación (uso de xogos con fins terapéuticos) para acadar unha maior adherencia á terapia.

Interviñeron na presentación o doutor José Ramón González Juanatey, xefe de Servizo de Cardioloxía e UCC do CHUS, que valorou as amplas formas de aplicación destas ferramentas facendo balance da incidencia das enfermidades cardiovasculares; e o doutor Carlos Peña Gil, cardiólogo do Servizo de Cardioloxía e UCC do CHUS e IP de Prebencar e Smart Cardia, quen expuxo a súa utilidade no proceso de recuperación cardíaca e o empoderamento de pacientes. Pola súa parte, José Lorenzo Rodríguez Currais, CEO de Balidea, destacou as múltiples vantaxes que se poden extraer do emprego de solucións tecnolóxicas no ámbito sanitario.

Estes proxectos están cofinanciados pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do programa Conecta PEME para o fomento da cooperación entre as pequenas e medianas empresas e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, que conta con cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Prebencar, unha plataforma para a prevención e benestar cardiovasculares

Prebencar é un asesor virtual intelixente concibido para empregar como ferramenta de prevención. O seu obxecto é facilitarlle ao cidadán, aos profesionais sanitarios e aos servizos de saúde a promoción de actividades de prevención cardiovascular primaria a nivel poboacional, buscando un cambio nos costumes e hábitos sociais.

En 2018 finalizáronse os desenvolvementos do proxecto e realizouse a validación e avaliación de resultados, a partir da proba piloto realizada con usuarios reais (profesionais médicos e pacientes), polo que entra agora en fase de comercialización. Entre as súas principais funcionalidades a aplicación realiza unha serie de accións para garantir o cumprimento da terapia con técnicas motivadoras baseadas na gamificación, en función do comportamento da persoa usuaria.

Unha ferramenta para a xestión do proceso da rehabilitación cardíaca

Smart Cardia propón unha plataforma para a xestión clínica do proceso de rehabilitación cardíaca no caso de pacientes que xa sufriran un infarto agudo de miocardio. A súa finalidade é desenvolver unha plataforma que lle facilite aos profesionais sanitarios a xestión do proceso de rehabilitación cardíaca, integrando compoñentes intelixentes e preditivos e interfaces gráficas usables. Ademais, facilitará a posta en marcha de programas de rehabilitación cardíaca, permitindo que, desde o primeiro día, os profesionais sanitarios traballen no marco dun proceso predicible, sen variabilidade e controlado, seguro e con indicadores de calidade.

Comparte este post: