O Drupal Day aterra por primeira vez en Galicia, co patrocinio de Balidea

O Drupal Day aterra por primeira vez en Galicia, co patrocinio de Balidea

O Drupal Day 2016 chegará a Santiago de Compostela o sábado 12 de novembro, contando co apoio de Balidea entre os seus patrocinadores. Será así a primeira vez que unha xornada a nivel estatal relacionada con Drupal se celebre en Galicia. En palabras da organización, da que forma parte o noso compañeiro Gustavo Gómez, espérase que constitúa o impulso necesario para agrupar á comunidade de drupaleiros e drupaleiras en Galicia, ao tempo que un achegamento á comunidade Drupal española.

A idea de traer o evento a Santiago de Compostela xurdiu durante a DrupalCamp de 2015, que tivo lugar en Xerez, tamén co patrocinio de Balidea e á que asistiu unha pequena representación da empresa. “Alí coñecín a outro mozo compostelán, Alberto Permuy, e como os dous estabamos un pouco cansos de saír de Galicia para asistir a calquera actividade sobre Drupal decidimos propoñer facer aquí o Drupal Day”, comenta Gustavo Gómez. Agora o seu obxectivo é visibilizar e poñer en contacto aos desenvolvedores de Drupal galegos, “porque son como as meigas, habelos hainos, pero cada un anda ao seu”.

O evento está pensado non só para profesionais de Drupal, senón para todas aquelas persoas interesadas no software libre e que queiran afondar neste sistema de xestión de contidos. Está artellado como un punto de encontro no que compartir ideas, inquedanzas e coñecementos, e tamén divertirse aprendendo. Os participantes poderán asistir a faladoiros dos mellores expertos en Drupal do país, a obradoiros ou achegar os seus propios desenvolvementos.

Para poder asistir non hai máis que rexistrarse na súa web: http://2016.drupalday.es/gl/user/register.

Sesións prácticas

Xa se poden consultar os horarios e temáticas das diferentes sesións, unha xornada intensa dende as 9:00h ata as 18:30h. Todas elas expoñerán coñecementos prácticos, na súa maioría partindo de experiencias e desenvolvementos reais. Sobresae o caso da propia Universidade de Santiago de Compostela (USC), que acolle o evento no seu Campus Vida, e que está realizando a migración do xestor web actual a Drupal 8, nun entorno con máis de 350 editores e 7 millóns de páxinas servidas.

Evento promovido pola AED

O Drupal Day é un evento promovido pola Asociación Española de Drupal (AED), da que Balidea é empresa colaboradora dende o ano 2014. As súas orixes están na DrupalCon de París en 2009. Ao ano seguinte organizouse a primeira DrupalCamp española, que se celebrou en Barcelona. A partir de aí a AED non deixou de medrar e moverse por todo o país organizando eventos e sprints.

O seu obxectivo é fomentar o uso, a aprendizaxe e a mellora de Drupal en España, para o que ofrece apoio ás comunidades locais que xurdan no país, servindo como nexo común entre elas. A súa principal actividade anual é a DrupalCamp, que en 2016 acadou a súa sétima edición, con Balidea como patrocinador ouro.

Comparte este post: