Lanzamos o proxecto FalAI para recoller voces en galego que permitirán mellorar os asistentes conversacionais de dominio

Lanzamos o proxecto FalAI para recoller voces en galego que permitirán mellorar os asistentes conversacionais de dominio

Somos conscientes de que nos vindeiros anos a interacción co mundo dixital en ámbitos específicos como poden ser a saúde ou os trámites administrativos se realizará principalmente a través da voz. É por iso que esta mañá Balidea e o centro de investigación AtlanTTic da Universidade de Vigo presentamos o proxecto FalAI, que busca recoller voces en galego que permitan mellorar o recoñecemento da voz na nosa lingua en asistentes conversacionais de dominio como os sinalados.

O acto, que tivo lugar no edificio Redeiras da UVigo, contou co apoio do Alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a intervención da Vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, de Mónica Valderrama, o director xeral de Balidea, Lorenzo Rodríguez, e a investigadora de AtlanTTic, Laura Docío Fernández.

O noso director xeral, Lorenzo Rodríguez destacou a importancia da proposta, que suporá “un fito importante a nivel tecnolóxico, xa que non existen solucións para o galego no relativo ás tecnoloxías da fala”. Pola súa, a vicerreitora Mónica Valderrama asegurou que “para a universidade este proxecto é un auténtico orgullo”, ademais dun exemplo da colaboración público-privada e do compromiso das enxeñarías coa lingua.

O alcalde Abel Caballero emprazou a todos os vigueses e viguesas a participar no proxecto que permitirá “que o diálogo que estamos mantendo de forma permanente coas máquinas responda na nosa propia lingua e co noso propio acento. E a investigadora Laura Docío fixo fincapé na importancia de validad unha metodoloxía “que nos permita realizar unha recollida de datos óptima para mellorar os axentes conversacionais por voz”.

Esta iniciativa parte dunha colaboración entre a área de I+D+i de Balidea e mailo Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) e o centro de investigación atlanTTic da UVigo, co obxectivo de desenvolver tecnoloxías da fala que permitan a comunicación cos dispositivos dixitais en galego. Esta colaboración lévase a cabo a través dun Doutoramento Industrial, enmarcado no Programa de Doutoramento Industrial cofinanciado por GAIN e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

#A30frases

En galego, ao igual que en moitas outras linguas europeas, non existen os recursos necesarios para desenvolver ese tipo de tecnoloxía, sobre todo no referente a gravacións de diversidade de voces. Balidea, xunto con AtlanTTic, foi seleccionada pola iniciativa European Language Equality (ELE) para contribuír a igualdade lingüística no ámbito dixital en Europa.

Neste contexto nace a proposta falAI, co obxectivo de recadar exemplos de voces en galego que permitan adestrar Intelixencias Artificiais na nosa lingua, e compartir o aprendido con toda Europa. Preténdese xerar datasets en galego de conversa con asistentes virtuais en dominios específicos como poden ser a saúde, os coidados ou os trámites administrativos. Así mesmo, búscase deseñar e validar unha metodoloxía de recadación de voces e compartila coa sociedade, especialmente con países con linguas minoritarias e minorizadas.

Para darlle visibilidade á iniciativa, as dúas entidades veñen de lanzar un chamamento xeneralizado á achega de voces a través da plataforma falai.balidea.com. Co cancelo #A30frases búscase a involucración do maior número de persoas posible.

Participación nun concurso por colaborar

O que se lles pide ás persoas participantes é que graven a súa voz lendo trinta frases prototipo de conversa con asistentes virtuais indicadas a través da plataforma falai.balidea.com. As persoas que cheguen ao final do proceso terán a opción de participar nun concurso. O gañador ou gañadora poderá elixir entre tres premios: experiencia de videoxogos (unha videoconsola de última xeración e unha visita ao Museo do Videoxogo), experiencia TIC (un ordenador portátil e unha visita ao Museo do Videoxogo) e experiencia interxeracional (unha sesión ao Balneario de Mondariz para toda a familia e unha visita ao Museo do Videoxogo).

Ademais, pídeselles que compartan a iniciativa co maior número de persoas posibles, tamén a través das redes sociais e que axuden a pais, nais, avós e avoas para que poidan participar tamén, xa que é un colectivo prioritario.

Esta contribución é anónima e empregarase exclusivamente en proxectos de investigación para o adestramento de modelos de intelixencia artificial en sistemas que utilizan tecnoloxías relacionadas coa fala.

O obxectivo é lograr 360.000 gravacións diferentes e 300 horas de gravación, un volume que se considera o ideal para poder adestrar un asistente conversacional nun dominio específico.

Tecnoloxía para mellorar a calidade de vida

As tecnoloxías da fala permitirán mellorar a experiencia de comunicación das persoas co mundo dixital, especialmente daquelas que por diferentes circunstancias teñen un acceso máis difícil a el, como poden ser as persoas maiores ou con algunha discapacidade.

Poder interaccionar por voz cos dispositivos dixitais abrirá múltiples posibilidades de desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas que permitirán mellorar a calidade de vida de moitas persoas. Servirá, por exemplo, para facilitar o coidado de persoas que viven soas coa creación de asistentes por voz, executar accións da vida cotiá a través da fala ou mesmo pedir axuda por voz en situacións de emerxencia.

Comparte este post: