En marcha o novo portal do Servizo Municipal de Educación da Coruña, unha evolución realizada por Balidea

En marcha o novo portal do Servizo Municipal de Educación da Coruña, unha evolución realizada por Balidea

O Servizo Municipal de Educación da Coruña lanzou o seu novo portal da man de  Balidea. A evolución da súa anterior web, xa xestionada pola nosa empresa, obtivo como resultado un sitio máis intuitivo, visual e versátil, adaptado a todo tipo de dispositivos móbiles e que responde as necesidades das persoas usuarias.

O principal obxectivo do desenvolvemento era facilitar o uso e a navegación polos contidos ao conxunto da comunidade educativa e a cidadanía. Para iso integrouse no sistema de webs do Concello da Coruña, xerando unha maior coherencia e familiaridade na presentación da información.

Esta integración achegou varias vantaxes. A nivel técnico, utilízase o mesmo sistema de xestión de contidos (CMS) que no resto do ecosistema web municipal, o que facilita o mantemento técnico e a seguridade. A nivel de contidos e tratamento da información fai posible o aproveitamento e reutilización de recursos xerados noutras áreas municipais.

Con respecto ao deseño e a usabilidade, mellorouse a navegación cunha aparencia e unha estrutura coherente cos demais portais do concello. Ademais, agora presenta un deseño  responsivo que mellora enormemente a accesibilidade desde dispositivos móbiles.

Seis seccións principais

A nova web estrutúrase en seis seccións principais. A primeira delas reúne todos os programas educativos, permitindo filtrar segundo intereses (por nivel educativo, por titularidade do centro, por tipo de  actividade etc.) e facilitando os procesos de inscrición. Hai unha sección nova que inclúe un buscador de todos os centros educativos da cidade, con información actualizada do proceso de admisión en todos os sostidos con fondos públicos e un mapa das zonas de influencia dos colexios públicos e concertados.

O espazo dedicado á Rede de Escolas Infantís Municipais presenta como novidade a posibilidade de asociar con maior facilidade noticias e eventos a cada escola. Iso é porque na nova web adquire un gran peso a sección de actualidade, que recolle noticias, eventos e contidos multimedia. Esa información clasifícase polo seu ámbito de interese para que tamén se mostre nas seccións correspondentes.

Por último, destacan o apartado de participación, que recolle a información sobre o Consello Escolar Municipal e os representantes municipais en consellos escolares; e o de ferramentas, que facilita o acceso a diferentes utilidades para centros escolares.

Comparte este post: