Balidea súmase á formación dual

Balidea súmase á formación dual

Balidea vén de sumarse á formación dual como empresa colaboradora do novo Ciclo Superior de Desenvolvemento de Aplicacións Web, que se levará a cabo no CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense. Esta semana abriuse o prazo de entrega de solicitude de admisións, con límite ata o 2 de xullo. Trátase dunha boa oportunidade para formarse e traballar ao mesmo tempo e coñecer de primeira man as demandas profesionais do sector das TIC.

Tal e como se recolle no convenio asinado coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a formación dual busca a cualificación profesional das persoas, harmonizando os procesos de ensino e aprendizaxe entre os centros educativos e os centros de traballo.

A colaboración de Balidea concrétase deste xeito na realización dun período de prácticas profesionais na empresa, para o que o alumnado percibe unha bolsa. A empresa e o centro de formación profesional estreitan os seus vínculos e unen esforzos para favorecer un maior coñecemento do alumnado das demandas e necesidades do mercado laboral e impulsar a súa inserción nel. Para isto estarán tutelados por profesionais altamente cualificados e con moitos anos de experiencia.

Neste caso trátase dunha nova titulación do ámbito das novas tecnoloxías centrada no emprego de software que permita desenvolver, implantar e manter aplicacións web, que conta coa colaboración de dúas empresas punteiras como son Balidea e Plexus para a abordaxe do período práctico de formación.

Poderán solicitar praza neste ciclo as persoas que cumpran os requisitos académicos xerais e específicos da FP Dual establecidos. Nesta ligazón atópase toda a documentación para o proceso de admisión: Convocatoria de xuño de 2019.

Comparte este post: