Balidea recibe os Premios á Innovación e o Coñecemento do Forum RIES 2021

Balidea recibe os Premios á Innovación e o Coñecemento do Forum RIES 2021

Balidea acaba de recibir os premios á Innovación e ao Coñecemento do Forum RIES 2021, impulsado polo Cluster Saúde de Galicia (CSG), polos proxectos NETA e Smart Cardia. RIES21 celebrouse os días 11 e 12 de novembro no Balneario de Mondariz co obxectivo de analizar os retos internacionais do ecosistema da saúde, en particular a revolución dixital da atención sanitaria e os coidados. Con estes premios recoñece o labor de empresas, institucións e centros de investigación neste ámbito e a súa achega de solucións innovadoras ante os novos desafíos sanitarios.

O xurado destes premios estaba constituído por representantes de diversos clúster do ámbito sanitario nacional.

Primeiro axente conversacional en galego e castelán

O Premio RIES21 á Innovación foi para o proxecto NETA , que propón o primeiro axente conversacional que entende e fala galego e castelán, pensado para a asistencia e acompañamento de persoas maiores que viven soas. Pon a intelixencia artificial e as tecnoloxías da linguaxe ao servizo das persoas maiores co obxectivo de coidar delas e cubrir as súas necesidades de comunicación. Este proxecto foi desenvolto en colaboración coas empresas ATENDO, FrutoDS e Ledisson AIT e os centros de investigación Gradiant e Fundación Idis.

Optimización da Rehabilitación cardíaca

O Premio RIES21 ao Coñecemento foi para o proxecto Smart Cardia, que propón unha ferramenta para optimizar o proceso de rehabilitación cardíaca, baseada na dixitalización do coñecemento de todos os profesionais que interveñen no proceso. Balidea, en colaboración co Citius e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Fundación Idis), implementou tecnoloxías de Intelixencia Artificial para a xestión do proceso de rehabilitación cardíaca. Tamén participaron no proxecto as empresas IMAGAMES e SM TECNO.

Ambos os proxectos contaron coa colaboración da Axencia Galega de Innovación ( GAIN) para o seu financiamento, a través do programa Conecta Peme para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, á a súa vez cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER, da Unión Europea.

Comparte este post: