Balidea presenta os proxectos UnderstAID e Rising no Foro de Transformación Dixital promovido polo clúster TIC do País Vasco

Balidea presenta os proxectos UnderstAID e Rising no Foro de Transformación Dixital promovido polo clúster TIC do País Vasco

Balidea participa no Foro TransDi (Transformación Dixital) promovido polo Sector ICTA-GAIA (Asociación das Industrias TIC e do Coñecemento e Tecnoloxía Aplicada) do País Vasco, como empresa socia deste clúster. O evento é un punto de encontro entre empresas que busca identificar oportunidades de colaboración a través da análise de casos de éxito, a transferencia do coñecemento, as tecnoloxías aplicadas no mercado e a posta en común de necesidades e oportunidades de negocio.

A xornada desenvolverase mañá mércores 21 de febreiro e contará coa presenza do Lehendakari, Iñigo Urkullu, para a súa apertura e da conselleira de Desenvolvemento Económico e Competitividade, Arantza Tapia, para a clausura. No transcurso do foro o director de desenvolvemento de negocio de Balidea, José Ángel Abeal, impartirá un relatorio centrado nos servizos dixitais de apoio a persoas con deterioro cognitivo e aos seus coidadores.

Casos de éxito: UnderstAID e Rising

O evento busca dar a coñecer boas prácticas, realidades próximas e os compromisos das empresas do sector en torno aos conceptos de Smart Industry, Smart Territory e Smart Society. Deste xeito, TransDi acolle a Balidea como un caso de éxito en relación coas solucións Smart Society, en particular no desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas para os ámbitos da saúde e social. É por iso que Balidea presentará os seus proxectos UnderstAID e Rising.

O primeiro ten como obxectivo o desenvolvemento dunha plataforma que preste asistencia ás persoas coidadoras de pacientes con demencias. Busca facerlles a vida máis fácil cunha ferramenta TIC educativa e de apoio, personalizada, centrada nas súas necesidades actuais e anticipando situacións futuras. O obxectivo é axudarlles a manexar o día a día, evitando o estrés que provoca a convivencia diaria coa enfermidade, e así mellorar os coidados.

No caso de Rising búscase deseñar terapias neurolóxicas para persoas afectadas con deterioro cognitivo leve baseadas en actividades da vida diaria. Preténdese dotar de autonomía a persoas que empezan a sufrir queixas de memoria, ao mesmo tempo que se proporciona tranquilidade aos familiares e información ao servizo de saúde, a través dunha monitorización non invasiva.

Máis de 280 empresas potenciais colaboradoras

TransDi é un foro aberto orientado a directivos e profesionais de organizacións de calquera sector, activas no cambio e transformación dos seus procesos, produtos ou servizos, que buscan, mediante o intercambio de experiencias, solucións para apoiar a súa transformación dixital e aliados estratéxicos que as acompañen no seu desenvolvemento.

Ao longo da xornada presentaranse en total 24 casos de éxito representativos dun sector tecnolóxico no País Vasco que aglutina a máis de 280 empresas, con máis de 19.000 persoas empregadas e cun volume de negocio anual en torno ao 5.000 millóns de euros, dos que un 40% proceden do ámbito internacional.

Precisamente TransDi busca potenciar a interconexión entre as empresas do sector cunha zona de exposición de solucións de transformación dixital e nova economía desenvolvidas en colaboración. Neste espazo atenderanse as consultas directas dos asistentes sobre proxectos, necesidades e oportunidades de colaboración.

Comparte este post: