Balidea, entre as empresas homologadas como provedoras do sector público danés

Balidea, entre as empresas homologadas como provedoras do sector público danés

Balidea acaba de converterse en provedor homologado de solucións e proxectos tecnolóxicos do sector público danés. Incorpórase así á lista de empresas que cumpren os requisitos necesarios elaborada por SKI, a entidade mediadora para os procesos de contratación pública en Dinamarca.

Esta homologación supón un gran logro e unha interesante oportunidade para Balidea, nun país no que cada ano o sector público gasta aproximadamente 40 mil millóns de euros en bens e servizos proporcionados por empresas privadas.

A compañía xa conta en Dinamarca coa confianza de institucións como a Axencia Danesa da Enerxía e o concello de Copenhague. A inclusión no catálogo SKI serviralle para consolidar a súa imaxe ante os seus clientes habituais e abrir a posibilidade de concorrer a un maior número de licitacións públicas.

Máis de 6 anos en Dinamarca

Balidea chegou a Dinamarca no ano 2012 e desde entón desenvolveu máis dunha trintena de proxectos neste país, moitos deles en colaboración con compañías como Kruso, ScanEnergi ou Ennova.

No ámbito público alcanzou un alto grao de especialización en solucións tecnolóxicas para a eficiencia enerxética da man da Axencia Danesa da Enerxía, un dos seus principais clientes. A finais de 2018 asinou un contrato para os próximos catro anos co concello de Copenhague. Este contrato está vinculado ao seu ecosistema web, que dispón de máis de 300 sitios web de servizos aos seus empregados e á cidadanía.

Contratación pública centralizada

O que se fai a través de SKI é centralizar as necesidades de contratación pública tanto nacional como rexional e local para optimizar os procesos de licitación. Para iso esta entidade céntrase na estandarización dos procesos de adquisición de produtos e servizos concretos, entre os que as tecnoloxías, tanto hardware como software, ocupan un lugar prioritario.

SKI creouse no ano 1994 como unha sociedade sen ánimo de lucro de titularidade pública. A súa principal misión é velar polo cumprimento das directivas europeas nos procesos de licitación pública, garantir a concorrencia en igualdade de condicións, así como a apertura e transparencia dos procedementos. Así mesmo, facilita que cada asignación se dirixa ao provedor máis competitivo, tanto en termos de calidade coma de prezo.

 

Comparte este post: