Balidea desenvolverá ferramentas dixitais que garantan un modelo industrial sostible dentro do PERTE do Vehículo Eléctrico

Balidea desenvolverá ferramentas dixitais que garantan un modelo industrial sostible dentro do PERTE do Vehículo Eléctrico

Balidea participou como socia na presentación pública de Future: Fast Forward, que levou a cabo onte en Madrid. O acto contou coa presenza da Ministra de Facenda e Función Pública María Jesús Montero, quen apuntou que “temos o coñecemento tecnolóxico, a capacidade industrial, o liderado empresarial e o apoio das administracións públicas para contribuír a unha economía cada vez máis sostible, máis limpa e menos contaminante, onde a mobilidade eléctrica vai desempeñar un papel determinante”. Este acto levou a cabo despois de que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo dese a súa conformidade final á proposta de Balidea sobre o desenvolvemento dos Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica para o Vehículo Eléctrico (PERTE VEC) incluído na agrupación Future: Fast Forward.

As 52 empresas de Future: Fast Forward van contribuír ao PERTE VEC coa posta en marcha de 86 proxectos en 9 comunidades diferentes, divididos segundo temática en nove bloques. Balidea participa dentro do bloque transversal de economía circular, como membro do proxecto primario RELOAD, cuxa misión é contribuír á subministración eficiente e segura de metais de alto valor na cadea industrial do Vehículo Eléctrico e Conectado (VEC), reducindo a dependencia de importacións e impulsando un modelo industrial sostible, circular e con menor pegada ambiental.

En particular, Balidea encargarase de integrar o uso de tecnoloxías dixitais como ferramentas para impulsar os procesos de reciclaxe, investigando tecnoloxías que aseguren a rastrexabilidade dos metais e fomenten a economía circular. Para iso, deseñará un prototipo dixital que garanta a rastrexabilidade dos metais ao longo da cadea de valor, desde a fabricación de compoñentes ata a súa recuperación e reutilización.

Ademais, levará a cabo unha investigación para crear un modelo funcional e preditivo baseado en Intelixencia Artificial que permita predicir a demanda e dispoñibilidade de produtos e metais recuperados de interese para o sector automotriz español e mellorar o seu aproveitamento. Finalmente, en colaboración con SEAT, deseñarase un pasaporte dixital europeo das baterías dos vehículos eléctricos, que garantirá a sustentabilidade dos procesos na súa fabricación.

O proxecto RELOAD está liderado pola compañía ENSO e, ademais de Balidea, participan tamén no consorcio as empresas SEAT, Técnicas Reunidas, Asai Industrial, CETIM, a Universidade de Zaragoza e a Axencia Estatal Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Xuntos, traballarán para impulsar a sustentabilidade e a economía circular na industria do Vehículo Eléctrico e Conectado.

 

Unha agrupación histórica

Future: Fast Forward é a maior alianza empresarial da historia da automoción en España. A súa diversificación xeográfica e o seu completo coñecemento de toda a cadea de valor da automoción outórganlle unha visión integral dos pasos necesarios para desenvolver a electrificación sostible da mobilidade en España. Trátase dun proxecto ambicioso e de país que pode transformar España nun hub europeo líder en mobilidade eléctrica, ademais de impactar de forma moi positiva a nivel socioeconómico pola súa capilaridade en toda a cadea de valor do sector do automóbil.

Coa resolución definitiva do Ministerio de Industria finalizan os trámites administrativos previstos para recibir os fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea outorgados ás empresas de Future: Fast Forward, que alcanzan os 357 millóns de euros.

Xunto coa presentación pública deste xoves, na que se deu ha coñecer os detalles dos diferentes proxectos, supón a posta en marcha definitiva da iniciativa, que prevé mobilizar un investimento de 10.000 millóns de euros: 7.000 millóns de euros do Grupo Volkswagen, SEAT S.A. e PowerHoldco e 3.000 do resto das empresas.

Comparte este post: