Balidea desarrolla con la empresa francesa AXYN un asistente virtual robotizado para mejorar la atención sociosanitaria de las personas mayores

Balidea desarrolla con la empresa francesa AXYN un asistente virtual robotizado para mejorar la atención sociosanitaria de las personas mayores

 

Balidea vai desenvolver xunto á empresa francesa AXYN Robotique un asistente virtual que se poderá implementar a través do móbil,  tablet ou un robot, para mellorar a calidade de vida das persoas maiores e a prestación de servizos sociosanitarios. Para iso todos os socios do proxecto participamos nunhas xornadas de arranque da iniciativa na nosa sede central en Santiago de Compostela. Son dous días de posta en común de obxectivos e de presentación do proxecto a potenciais colaboradores tanto do sector público como privado.

Co desenvolvemento do robot asistencial que propoñemos, bautizado como GiDi, preténdese facer fronte ao gran desafío que deberán enfrontar os sistemas sanitarios europeos nas próximas décadas debido ao avellentamento da poboación, que é ofrecer alternativas para atender as necesidades das persoas maiores, principalmente aquelas que viven soas. Trátase de buscar solucións que melloren a eficiencia na prestación de servizos sanitarios tendo en conta a dimensión social na prestación do servizo.

Unha vez máis Balidea aposta por solucións tecnolóxicas cun enfoque centrado nas persoas, empregando Intelixencia Artificial (IA) e tecnoloxías da linguaxe de comunicación por voz, neste caso para facer un seguimento  contínuo dos pacientes desde as súas casas.

As capacidades de atención dos sistemas sanitarios son limitadas. Grazas á posibilidade de dar asistencia simultánea a través de GIDI, estás capacidades vense melloradas, sen esquecer que se incrementa e mellora tamén a atención personalizada.

O proxecto dispón do selo europeo para o financiamento a través do Programa Eurostars.

Nova estratexia para o coidado da saúde das persoas maiores

Está a comprobarse que o incremento da poboación maior de 65 anos non vai acompañado do aumento proporcional do número de persoas coidadoras. Segundo o informe sobre o envellecemento de 2021 da Comisión Europea, prevese que a taxa de dependencia demográfica deste colectivo aumente significativamente nas próximas décadas dentro da Unión Europea. Do 29% en 2010 pasouse ao 34% en 2019 e prevese que siga aumentando ata o 59% en 2070. Isto supón pasar dunhas catro persoas en idade de traballar por cada persoa de 65 anos ou máis en 2010 a menos de dúas en 2070.

Os sistemas de saúde en Europa enfróntanse ao desafío combinado de dispoñer de recursos limitados e unha demanda crecente impulsada polo aumento de casos de enfermidades crónicas. Esta situación crea unha necesidade  apremiante de repensar a forma en que se prestan os servizos de saúde. Necesítanse novas estratexias para o coidado da saúde das persoas maiores, para mellorar a eficiencia e aumentar a xeración de coñecemento a partir do proceso.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) identifica o desenvolvemento de contornas intelixentes, físicos, sociais e amigables coas persoas maiores como un punto chave de intervención para capacitalas e mellorar a súa calidade de vida.

Solución tecnolóxica para a asistencia médica e social

Para abordar estes problemas, Balidea e AXYN imos desenvolver GiDi, un robot de asistencia médica e social que axudará aos nosos maiores para permanecer nos seus fogares o maior tempo posible e facilitará a xestión dos servizos de atención primaria e emerxencias, evitando a súa saturación e atendendo tamén a dimensión social dos pacientes.

Ademais, un robot deste tipo é unha resposta chave ao illamento social das persoas maiores, representando un compañeiro dixital capaz de comunicarse con elas, que lles permitirá resolver dúbidas de forma autónoma ou levar a cabo consellos de forma dixital. O sistema será capaz de xerar avisos e alertas tanto a familiares como aos servizos médicos a través dun sistema interoperable e seguro.

Dimensión ética

Cando falamos de Intelixencia Artificial a dimensión ética cobra especial importancia. Ambos os membros do consorcio somos totalmente conscientes diso e a solución GiDi desenvolverase baixo a óptica de “Ethics by Design” ou ética desde o deseño. Non só deben garantirse os dereitos humanos e as liberdades persoais, senón tamén a autonomía das persoas na toma de decisións e a explicabilidade dos algoritmos. Así, na nosa planificación contemplouse un paquete de traballo específico para xestionar e garantir estas cuestións que serán supervisadas por un comité a nivel europeo.

Ademais, todos os aspectos relacionados co Regulamento Xeral de Protección de Datos (GDPR) e en particular a seguridade dos datos serán tratados de forma específica.

Dentro do enfoque ético desde o deseño proponse a participación das persoas usuarias desde o inicio ata a validación da solución.

As empresas socias

Como empresa experta en solucións de software do ámbito da comunicación, Balidea leva anos apostando pola interacción co mundo dixital a través da voz, prestando especial atención á interacción dos nosos maiores con estas solucións.

Neste proxecto o noso papel centrarase no deseño e desenvolvemento da interface de usuario conversacional (CUI). O obxectivo é establecer unha canle de comunicación cos pacientes a través dun asistente virtual robótico capaz de interactuar coas persoas usuarias mediante a voz en dous idiomas, castelán e galego. Usando tecnoloxías da linguaxe, GiDi clasificará aos pacientes segundo a gravidade da súa condición e implementará protocolos personalizados de actuación.

Así mesmo, Balidea desenvolverá un algoritmo preditivo usando Intelixencia Artificial (IA) que lles permitirá aos servizos médicos dispoñer dunha predición de evolución dos pacientes e picos para os servizos de saúde e, polo tanto, unha óptima xestión dos recursos.

Por último, crearemos un backend intelixente para a ferramenta capaz de implementar fluxos dinámicos baseados en modelos de datos e regras que permitirán a GiDi mostrar diferentes escenarios dependendo do perfil do usuario e a aplicación de protocolos médicos e sociais en función do resultado do cribado (screening  protocol  at  home,  SPH). Este  backend está deseñado para soportar unha arquitectura de servizos, o que permitiría a comunicación cos sistemas de saúde públicos e privados, establecendo un marco técnico que facilitaría a conexión a sistemas como os de solicitude de cita, urxencias sanitarias ou historia  clinica.

Pola súa banda  AXYN é unha empresa francesa de robótica relacionada coa Telemedicina e a Robótica Social. O seu papel vai estar relacionado principalmente co deseño do robot. Evolucionarán un robot social que ademais de dar seguimento aos usuarios desde o punto de vista médico, moverase de forma autónoma polos seus fogares, podendo localizalos, identificalos e comunicarse con eles co comportamento máis humano e amigable posible.

Colaboradores

Como colaboradores de Balidea participarán o Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) da Universidade de Vigo, que achegarán apoio no desenvolvemento das interfaces  conversacionais, e a Fundación IDIS, que se encargará de definir os cribados e protocolos médicos a implementar.

En relación aos protocolos sociais, prevese contar coa participación de importantes empresas do ámbito sociosanitario, nas que se levará a cabo o proxecto piloto con potenciais persoas usuarias finais. Para iso prevese contar tamén coa participación de ITGALL, o  LIVING LAB do ámbito dos coidados do CSG (Clúster Saúde Galicia), onde se testan solucións de base tecnolóxica e/ou dixital, creado a partir do proxecto europeo  H2020  IN4AHA.

Comparte este post: