Balidea consegue a concesión de tres axudas do programa Conecta Peme 2018 para proxectos innovadores

Balidea consegue a concesión de tres axudas do programa Conecta Peme 2018 para proxectos innovadores

Balidea vén de conseguir a concesión de tres axudas do programa Conecta Peme da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que busca fomentar a cooperación entre empresas e os demais axentes do Sistema Galego de I+D+i para a realización de proxectos innovadores en áreas estratéxicas para Galicia. En particular, Balidea logrou dous proxectos da área de saúde-TIC e un de medio ambiente. Só outras sete empresas conseguiron a adxudicación de tres proxectos, todas elas en áreas non directamente vinculadas ás TIC.

Smart Cardia e NETA V3A son os acrónimos das propostas enmarcadas na aplicación das novas tecnoloxías no ámbito sanitario. A primeira delas busca desenvolver unha plataforma intelixente e preditiva de soporte á xestión clínica do proceso de rehabilitación cardíaco; e a segunda pretende crear un robot asistencial 100% galego para o acompañamento das persoas maiores de cara ao seu empoderamento e avellentamento activo.

O terceiro dos proxectos, Xestal propón unha ferramenta tecnolóxica hardware e software que permita optimizar procesos clave na xestión dos recursos forestais, usando vehículos aéreos non tripulados.

O obxectivo principal deste programa é incrementar a I+D+i empresarial en Galicia. Na resolución da convocatoria tívose en conta o potencial innovador das tecnoloxías propostas e, moi especialmente, a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solucións.

Este programa subvencionado pola Axencia Galega de Innovación conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Desenvolvementos experimentais

Os tres proxectos concedidos acadaron a financiación para as súas fases de desenvolvemento experimental e levaranse a cabo nun horizonte temporal de dous anos, até 2020. Todos eles se realizarán en colaboración con outras empresas para fomentar a unión das capacidades científico-tecnolóxicas procedentes de diferentes sectores.

No caso de Smart Cardia cóntase coa achega de SM Tecnología e Imagames Gamification Services. O uso desta plataforma mellorará o estado dos pacientes ao favorecer o seguimento dos plans de saúde e predicir o beneficio que devanditos plans poden ter. Ao mesmo tempo, facilitaralles aos profesionais sanitarios o seu traballo, ao dotalos de ferramentas que permitirán unha interacción intelixente cos pacientes e co propio proceso de rehabilitación cardíaca.

Atendo Calidade lidera NETA V3A, no que ademais de Balidea, tamén colaboran Ledisson A&IT e Soluciones Conceptuales e Innovación. O obxectivo xeral é que un robot asistencial axude aos maiores a permanecer no seu entorno o maior tempo posible, fomentando hábitos de vida saudable, apoiando tratamentos farmacolóxicos e médicos, monitorizando e ofrecendo seguridade. Este robot cumprirá tamén cunha tarefa social, proporcionando acompañamento mediante Intelixencia Artificial (IA), facilitando videochamadas e alentando a participación activa da persoa na súa contorna.

Pola súa parte, Aeromedia UAV lidera Xestal, no que tamén participan Cerna Ingeniería y Asesoría Medioambiental e Greenalia Forest. Concíbese co obxecto xeral de desenvolver unha ferramenta tecnolóxica hardware e software dirixida principalmente a enxeñarías ambientais e xestores forestais, que permita optimizar procesos clave na xestión dos recursos forestais, mediante a automatización e redución de custos da toma de datos.

Comparte este post: