Balidea colabora por terceiro ano consecutivo co Máster en Innovación e Estratexia Dixital da Universidade da Coruña

Balidea colabora por terceiro ano consecutivo co Máster en Innovación e Estratexia Dixital da Universidade da Coruña

Balidea mantén unha colaboración continua co Máster en Innovación e Estratexia Dixital da Universidade da Coruña. Por terceiro ano consecutivo responsables da empresa guiarán ao alumnado no desenvolvemento dun proxecto práctico de innovación empresarial. Como punto de partida organizouse unha sesión teórica, que tivo lugar o pasado venres 23 de marzo, impartida por José Ángel Abeal, director de Desenvolvemento de Negocio de Balidea, na que se realizou unha presentación dos proxectos máis innovadores da empresa e trasladáronse unha serie de claves como preparación previa ao período práctico.

Os participantes deberán simular a creación dunha start up, elaborando o seu plan de empresa e mercado, o seu catálogo de produtos innovadores e a súa estratexia de márketing dixital.

Balidea colabora con este posgrao desde o curso 2015-16. Está dirixido polos catedráticos de Análise Económica José Manuel Barreiro e Andrés Faíña e céntrase no coñecemento práctico das novas ferramentas de márketing dixital e xestión empresarial da innovación, que son transversais a todas as áreas de coñecemento, actividades profesionais e sectores económicos.

Ao completar o mestrado os estudantes poderán deseñar plans de márketing dixital, con capacidade para coordinar a construción de páxinas web de empresa e plataformas de e- commerce, así como criterios para a creación de marca no ámbito dixital.

Por outra banda, saberán instrumentar, avaliar e financiar proxectos innovadores: como crear novos produtos e servizos, encaixándoos no mercado e nas preferencias dos clientes; desenvolver un modelo de negocio viable (Customer Discovery, Business Model Generation e Lean Startup); e financiar proxectos innovadores, elaborar previsións de fluxos de caixa, presentar proxectos e buscar investidores adecuados.

Comparte este post: