Un ano de Encontros de Ideas

Un ano de Encontros de Ideas

Hai xusto un ano que lanzamos un espazo para compartir cos nosos traballadores e traballadoras un modelo de charlas diferentes, máis centradas na procura do benestar persoal e a saúde, para  abstraernos momentaneamente do ámbito tecnolóxico. En pleno confinamento, aínda con moitas incertezas sobre que era aquilo da Covid-19 e da pandemia, iniciamos os nosos Encontros de Ideas, un espazo para reflexionar sobre o  autocuidado mentres tomamos tranquilamente un café. Xa levabamos un tempo preparando a iniciativa e pareceunos que era o momento idóneo e máis necesario que nunca para poñela en marcha.

Desde entón contamos coa experiencia de diversas persoas, especialistas no seu ámbito, que nos falaron sobre a xestión do tempo e emocional ou os beneficios da alimentación saudable, o exercicio e técnicas como o  mindfulness. Con algúns deles abrimos a posibilidade de ofrecer un proceso de acompañamento. Pasado o tempo, facemos balance e cremos que é unha boa iniciativa, na que esperamos seguir sumando propostas.

Xestión emocional

Arrincamos coa socióloga e psicóloga Alba Nogareda, un encontro sobre a importancia da xestión emocional como clave para comprender por que reaccionamos de determinada maneira ante distintas situacións cotiás. Recentemente volvemos repetir con ela, para  anlizar os efectos emocionais da pandemia e o cansazo ante unha situación que se está prolongando máis do esperado..

Mobilidade activa

Óscar Díez, vicepresidente da Sociedade Galega de Fisioterapeutas e director clínico de Neurem, falounos da mobilidade activa entendida como a mellor forma de coidar a nosa saúde postural no traballo.

Xestión do tempo

A experta en xestión de persoas e benestar Belén Varela explicounos como funciona o noso reloxo interno e como sincronizalo co noso ritmo laboral. Deunos, ademais, unha serie de consellos para desconectar e recuperar enerxías.

Alimentación saudable

A nutricionista Estefanía Dans facilitounos unha serie de pautas de alimentación saudable, unha introdución a que, cando e como alimentarnos. Falounos tamén de como compaxinar bos hábitos de alimentación co teletraballo e como planificar un bo menú semanal.

Sentido e comunicación

Javier Cebreiros, experto en comunicación, contounos a diferenza entre ser, estar e parecer á hora de comunicarnos en diferentes contextos. Para comunicar ben, segundo o seu criterio, é necesario comportarse con autenticidade, tal e como somos, e non finxir ou adoptar un papel. Para conseguilo, Javier está convencido de que o principal é estar ben e coidarse para afrontar este reto con enerxía.

Midfulness

Na súa sesión Eva Bayle realizou unha introdución ao  Mindfulness cunha serie de pautas para facer da nosa mente a nosa aliada. Ao finalizar a súa charla aproximarámosnos a que é o mindfulness, como incorporalo no día a día e os beneficios derivados desta práctica.

Actividade física

Óscar Viana, preparador físico da Selección Española de Baloncesto, centrouse no “ROI da actividade física”, como só 150 minutos de exercicio á semana poden mellorar o benestar persoal. Óscar é un convencido de que o retorno que podemos obter do adestramento regular é moito maior que o esforzo investido.

Comparte este post: