O Hospital Policlínico A Rosaleda pon en funcionamento o sistema 'Acompaña'
Martes, 13 Setembro 2011 00:00
O servizo de urxencias do Hospital Policlínico A Rosaleda acaba de poñer en funcionamento 'Acompaña', un servizo pioneiro que foi deseñado e desenvolvido polas empresas Balidea e FBA Consulting e que permitirá aos familiares as persoas que ingresen neste servizo coñecer os tempos estimados de espera e a localización exacta dos pacientes. Desta forma, familiares ou outros acompañantes saberán en todo momento qué tipo de probas se lle están a realizar aos pacientes e tamén o tempo aproximado de espera para cada unha delas.
O sistema Acompaña, que acaba de poñerse en funcionamento no Hospital Policlínico da Rosaleda, en Santiago de Compostela, ten a súa orixe, como proxecto de I+D+I, nas carencias detectadas, a través de enquisas de satisfacción realizadas por FBA Consulting, entre usuarios/as de urxencias de máis de 70 hospitais, nas que se apuntaba á necesidade de mellorar a información que se lle proporciona neses centros tanto a pacientes como a familiares e acompañantes.
Destas enquisas, extraéronse, entre outras conclusións, a de que o grao de satisfacción dos usuarios e usuarias de urxencias depende fundamentalmente de mellorar a información, mesmo por encima doutros parámetros como o do tempo de espera. A isto hai que engadir que, aínda que hoxe en día existen exemplos de tecnoloxías para informar á cidadanía mediante quioscos (como os instalados en moitas oficinas de turismo) ou vía SMS, este tipo de aplicacións non se estendeu a áreas como a sanidade, ou o fixo de forma moi limitada.
Ante a inexistencia no mercado dalgunha ferramenta ad-hoc para cubrir esta necesidade específica, o que se traduce dun nicho de mercado de máis de 600 hospitais en España, FBA Consulting e BALIDEA iniciaron o desenvolvemento de Acompaña para proporcionar a información demandada por pacientes e familiares. O sistema foi deseñado para a súa utilización mediante pantallas táctiles que proporcionan información ao introducir un código personalizado que se xera na entrada a urxencias, e tamén vía SMS.
A información que proporciona Acompaña, a partir dun código que o familiar ou acompañante pode utilizar para realizar o seguimento do paciente, é totalmente confidencial e non é de carácter clínico, senón que está relacionada co seguimento do paciente en relación a tempos de espera, probas das que está pendente, probas xa realizadas, alta ou ingreso no centro...
Coa implantación de Acompaña, o Hospital Policlínico A Rosaleda pretende reducir o estado de ansiedade que pode xerarse en pacientes e familiares ante o descoñecemento de proceso ao que van ter que someterse e á súa duración. Con Acompaña, tanto estes como o propio paciente disporán de toda a información necesaria sobre as probas que se van realizando con só introducir o número que se lle asignou nunha terminal de fácil manexo situada na área de admisión. Esta clave, que se lle facilita ao paciente ao entrar urxencias, pode ser enviada por SMS de tal forma que calquera acompañante poida posteriormente tecleala na terminal e localizar á persoa que está a acompañar.
Un proxecto de Balidea e FBA Consulting
As firmas galegas FBA Consulting, consultora sanitaria líder na medición de satisfacción de pacientes en España, e BALIDEA, especialista no deseño, desenvolvemento e integración de software, traballaron conxuntamente, desde o ano 2009, neste proxecto que, para ambas, supón a materialización da aposta que ambas realizan polo fomento de accións de I+D+i que redunden nunha mellora da súa actividade e, polo tanto, da súa capacidade para competir no mercado.
Por extensión, FBA Consulting e Balidea poñen de manifesto con este proxecto o compromiso asumido por parte de ambas na procura dunha mellora cualitativa da atención prestada aos usuarios dos centros de urxencias hospitalarios, así como unha optimización dos recursos e unha mellora dos fluxos de traballo e da xestión destes últimos.
Hospital Policlínico A Rosaleda
A través do seu portal web, o Hospital Policlínico A Rosaleda informou non só das vantaxes de Acompaña sobre pacientes e acompañantes, senón tamén sobre os beneficios que representará para o propio hospital, xa que segundo comenta a doutora Silvia Rodríguez Álvarez, coordinadora do servizo de Urxencias deste hospital, "vai permitir estudar e controlar todo o proceso de urxencias, porque imos poder solicitar información sobre os tempos de espera, o circuíto que leva cada paciente segundo a patoloxía e iso supón poder facer unha avaliación continua do funcionamento do servizo para mellorar e poder detectar calquera fallo no circuíto ou nos tempos".
A través do mesmo medio, A Rosaleda informou de que, durante o tempo en que estivo preparando este sistema, rexistrou nel gran cantidade de datos: desde que entra o paciente "para clasificalo segundo a gravidade e axustar os tempos de espera adecuados segundo a patoloxía que presenta" até o control dos pasos sucesivos polos que segue, as exploracións complementarias que inclúen analítica, electrocardiografía, ecografía, radioloxía ou interconsultas con outros especialistas, como o oftalmólogo ou o neumólogo.
| < Anterior | Seguinte > |
|---|