Balidea Consulting & Programming

Inicio  
Todas as novas BALIDEA aposta pola formación como estratexia para reforzar o seu cadro de persoal

BALIDEA aposta pola formación como estratexia para reforzar o seu cadro de persoal

Luns, 16 Maio 2011 09:44

Nun contexto como o actual, onde a falta de experiencia semella ser a principal eiva para acceder por primeira vez ao mercado laboral, BALIDEA aposta firmemente pola formación para integrar novos traballadores e traballadoras no seu cadro de profesionais. Desde o 2007, a consultora galega desenvolveu plans de carreira profesional para máis dun cento de persoas que foron incorporándose á organización en diferentes momentos. Agora, en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, abre unha nova liña formativa para crear emprego estable, de calidade e orientado ás súas necesidades específicas.

BALIDEA vén apostando firmemente, desde o seu nacemento, por plans de formación axustados ás necesidades reais do sector no que desenvolve a súa actividade. Proba disto é que, nestes momentos, un 17% do cadro da empresa son mozos e mozas que están a recibir formación nas súas instalacións en Santiago de Compostela.

Desde o ano 2007 ata hoxe, BALIDEA incorporou a 114 persoas ao plan de carreira profesional deseñado pola empresa. Fíxoo a través de convenios con entidades de formación públicas e privadas e, desde o verán de 2010, tamén coa convocatoria de bolsas propias. O obxectivo desta iniciativa, cuxa demanda desbordou as previsións máis optimistas da Dirección no momento da súa posta en marcha, non é outro que o de integrar aos bolseiros/as dinámica de traballo da organización, para facilitarlles así a súa futura incorporación a BALIDEA.

Esta aposta cobra máis relevancia se se contrasta coa situación actual do mercado de traballo. Os datos do Instituto Galego de Estatística e da Enquisa de Poboación Activa sobre a evolución do paro en Galicia neste mesmo período (2007-2010) sinalan que a mocidade foi, e está a ser, un dos colectivos máis castigados pola crise. Nesta etapa o paro xuvenil medrou en Galicia nun 47,9% para situarse, en decembro de 2010, nunha taxa do 25,4%.

A través da convocatoria das súas propias bolsas, BALIDEA apoia a formación, e posterior inserción laboral, de moitos mozos que, malia contar con coñecementos teóricos sobre determinadas disciplinas, non tiveron aínda a oportunidade de completalos cunha orientación máis práctica, enfocada a proxectos semellantes aos que se atoparán no seu futuro profesional.

Accións formativas da Consellería de Traballo e Benestar

Seguindo coa súa proposta de plan de carreira profesional, BALIDEA dá agora un novo paso. Coa axuda da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, e no marco das accións formativas desta, abre unha nova liña de cursos dirixidos a persoas desempregadas e cuxo obxectivo é o de mellorar a súa cualificación para convertelos en futuros traballadores e contribuír a que aumente a súa competencia profesional.

Así, a empresa ten nestes momentos aberto un proceso de selección das persoas que van participar nos cursos que se impartirán proximamente nas súas instalacións, concretamente para Deseño e desenvolvemento de aplicacións web utilizando ferramentas CMS e J2EE - Programación de aplicacións avanzadas en Java.

A escolla destas materias non foi casual. Nun afán de propiciar que as destrezas adquiridas sirvan para abrir novas portas no mercado laboral, a selección responde á demanda actual do sector. Trátase, por poñer un exemplo, do tipo de coñecementos que BALIDEA requirirá para proxectos que pensa abordar nun futuro inmediato, caso da modernización de sistemas de información policial do Departamento de Interior do goberno vasco ou doutros de reforma no eido sanitario en diferentes comunidades autónomas.

Estes cursos poñen a disposición dos asistentes unha serie de axudas e, o que é máis importante, o compromiso da empresa de contratar a un 60% do alumnado que o remate. Como mostra da firmeza deste compromiso, abonda con sinalar que para o 65% das persoas que conforman a o cadro actual de traballadores de BALIDEA, este foi o seu primeiro emprego.

Os datos avalan a aposta responsable que BALIDEA deposita na formación en dúas direccións. Por un lado, e por experiencia propia, sabe que cunha orientación laboral axeitada ás necesidades e aos proxectos reais da empresa son máis as oportunidades que se abren para poder prestar servizos de calidade. Polo outro, e en liña co seu compromiso en termos de Responsabilidade Social Empresarial, estas bolsas son tamén un xeito de colaborar no desenvolvemento profesional dos que serán os futuros traballadores e traballadoras das TIC en Galicia. A creación de novas oportunidades no sector tamén é, para BALIDEA, unha forma de evitar que, ao rematar os estudos, moitos mozos se vexan obrigados a buscar fóra a súa primeira oportunidade laboral, que non atopan aquí por carecer de experiencia.

   
  • Edificio Witland. Rúa dos Camiños da Vida s/n. baixo 15705 Compostela (A Coruña) Tel.: 981 93 78 76