Sanidade confíalle a BALIDEA a evolución das aplicacións troncais de Saúde Pública
Luns, 13 Setembro 2010 00:00
A Consellería de Sanidade vén de confiarlle a BALIDEA o servizo de evolución das aplicacións troncais de Saúde Pública, isto é, os servizos de soporte técnico e de mantemento evolutivo e correctivo dun total de once aplicacións empregadas na planificación, control e vixilancia da saúde pública en Galicia.
No marco da prestación deste servizo, BALIDEA proporcionará ao devandito departamento os recursos profesionais e medios técnicos necesarios para acometer os servizos de soporte técnico e mantemento correctivo, prestando apoio nos problemas derivados da configuración dos sistemas dentro da plataforma do SERGAS/Consellería de Sanidade e realizando o soporte de terceiro nivel das incidencias técnicas que se poidan producir. Ademais, está contemplada a prestación de servizos de mantemento e desenvolvemento de novas funcionalidades nas aplicacións que son obxecto deste contrato.
Entre as aplicacións incluídas na prestación deste servizo atópanse algunhas como a empregada por Saúde Pública para a xestión dos laboratorios dos seus departamentos territoriais, para a do laboratorio de Metabolopatías, para a xestión do programa de vacinas, para a descarga e análise dos datos dos rexistros de xordeira dos hospitais galegos ou para o rexistro de mortalidade de Galicia, entre outras.
No eido da seguridade alimentaria forman parte tamén destas aplicacións as empregadas, para a xestión da trazabilidade de carne, por parte dos inspectores de saúde pública nos matadoiros de Galicia ou SEMAGA, a aplicación deseñada para o seu uso en PDA’s nestes mesmos matadoiros e que a comezos de ano foi recoñecida cun dos premios que outorga a fundación catalá Avedis Donabedian a proxectos de saúde pública pola excelencia na calidade do seu sistema de control e seguimento da inspección sanitaria en establecementos de obtención de carnes para consumo.
| < Anterior | Seguinte > |
|---|