Balidea Consulting & Programming

Inicio  
Todas as novas BALIDEA colaborará co CIXTEC no desenvolvemento dos sistemas web de Facenda

BALIDEA colaborará co CIXTEC no desenvolvemento dos sistemas web de Facenda

Xoves, 12 Agosto 2010 13:25

Como adxudicataria do servizo de desenvolvemento e evolución dos sistemas web da Consellería de Facenda, BALIDEA vai poñer a disposición do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financieira e Contabe (CIXTEC) os/as profesionais e medios técnicos necesarios para satisfacer as demandas informativas e de novos servizos de e-Administración da cidadanía galega.

No que atinxe ao portal web de Facenda, a colaboración de BALIDEA con este departamento centrarase nunha serie de necesidades detectadas por este último. Entre elas, o persoal de BALIDEA asignado ao proxecto participará na definición dunha metodoloxía de traballo orientada á promoción de contidos web do portal (publicación de novos servizos, estrutura e organización das diferentes seccións…), afrontando ademais todos os traballos precisos para unha correcta evolución destes contidos. Así mesmo, acometerá a renovación, tanto gráfica como de estrutura, dos contidos –actuais e novos- da web do CIXTEC, facéndoa compatible co portal da Consellería.

Atendendo aos requisitos formulados pola Consellería de Facenda, BALIDEA colaborará tamén na implantación de novos servizos e módulos no portal web, tales como un sistema de lectura automático para facilitar o acceso á información a persoas co problemas visuais; un sistema de envío de alertas; un módulo de envío de consultas, queixas e suxestión ou un sistema de recepción de reclamacións. Neste último caso, e a través dun sistema de consulta que se habilitará a tal efecto, a cidadanía poderá seguir a evolución da súa reclamación.

A ampliación das funcionalidades ofertadas na actualidade dentro do módulo de poxas habilitado na web -incluíndo un estudo de viabilidade da creación dun sistema de poxas on-line-, así como a posta en marcha doutro módulo que permita facer un seguimento de todos os eventos relacionados coa Consellería de Facenda serán outras das tarefas que BALIDEA levará a cabo dentro deste proxecto.

No que respecta aos servizos virtuais xa dispoñibles na Oficina Virtual de Facenda, BALIDEA abordará os traballos necesarios para aplicar a imaxe corporativa ao conxunto destes servizos, creando tamén un punto de acceso único para todos eles e definindo unha arquitectura de base para a implantación doutros novos.

No marco da prestación deste servizo, BALIDEA, ademais de garantir o cumprimento da normativa vixente en materia de Accesibilidade, adaptará todas as aplicacións desenvoltas de forma que se poida garantir o acceso ás mesmas desde a maior cantidade de plataformas tecnolóxicas que sexa posible.

   
  • Edificio Witland. Rúa dos Camiños da Vida s/n. baixo 15705 Compostela (A Coruña) Tel.: 981 93 78 76