Balidea Consulting & Programming

Inicio  
Todas as novas BALIDEA colaborará co SERGAS na implantación das políticas do proxecto Ágora

BALIDEA colaborará co SERGAS na implantación das políticas do proxecto Ágora

Martes, 06 Xullo 2010 20:05

O desenvolvemento de servizos sanitarios en liña para mellorar a información á cidadanía, o incremento da eficiencia, da transparencia e da participación ou o intercambio de información e coñecemento, tanto dentro da propia organización como entre os diferentes niveis asistencias. Estas son algunhas das finalidades que o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) ten definido no proxecto Ágora, marco das políticas, ferramentas e procesos cos que este organismo agarda conseguir os obxectivos sinalados e cuxa implantación se desenvolverá en colaboración con BALIDEA.

Na prestación deste servizo por parte da empresa, están contempladas todas as tarefas de desenvolvemento de compoñentes, implantación, soporte e formación asociadas á posta en marcha das políticas Ágora. Concretamente, BALIDEA colaborará no desenvolvemento e implantación da promoción, categorización e taxonomía aplicables aos diferentes sitios web e portais co fin de homoxeneizar contidos; de sitios web, coa posibilidade de promover contidos a portais de interese máis xeral; dos portais que sexan alimentados desde os diferentes sitios web e dos procedementos que permitan axilizar os procesos definidos nas políticas do portal.

Para o desenvolvemento e implantación destas tarefas BALIDEA acometerá a revisión das contornas e ferramentas actualmente dispoñibles, compilando a documentación ou procedementos que existen sobre os mesmos e complementándoos cando sexa necesario. Ademais, e segundo as políticas definidas no proxecto, encargarase de seleccionar as ferramentas que van dar soporte ao mesmo e os indicadores que se obterán dos portais e sitios web –de entre os definidos en Ágora-, de documentar e implantar os procedementos de mantemento e xestión da plataforma web e de apoiar ao persoal técnico do SERGAS na instalación e configuración de servidores.

Para dar soporte a este proxecto, garantindo os niveis adecuados de integración, calidade e seguridade, BALIDEA implantará a infraestrutura necesaria conforme aos estándares tecnolóxicos definidos no ámbito da Consellería de Sanidade e do SERGAS.

Xeración e difusión de coñecemento para unha mellora dos servizos

Coa colaboración de BALIDEA, o SERGAS porá en marcha as metodoloxías e procesos definidos en Ágora para facilitar o uso da tecnoloxía por parte dos e das profesionais encargados de xerar e difundir coñecemento a través dos seus portais.

Agardase así, facilitar a posta en marcha de iniciativas de traballo en grupo que permitan xerar novos contidos e servizos, garantido a participación activa dos e das profesionais encargados da creación e difusión dos mesmos; simplificar os procesos de desenvolvemento e implantación das ferramentas precisas para tales fins e posibilitar a difusión dos resultados dos diferentes grupos de traballo, co fin de xerar coñecemento para toda a organización.

Entre outras accións, a implantación de Ágora contempla a creación dunha intranet e web con contidos e servizos de maior calidade, máis accesibles e máis centrados nas demandas e intereses dos seus usuarios e usuarias que na propia estrutura organizativa do SERGAS.

Coa adxudicación deste servizo, o SERGAS volve a confiar en BALIDEA como socia tecnolóxica. A implantación das políticas Ágora súmase deste xeito a outros proxectos cos que a empresa ten abordado nos últimos anos para colaborar co departamento que xestiona a asistencia sanitaria pública de Galicia.

   
  • Edificio Witland. Rúa dos Camiños da Vida s/n. baixo 15705 Compostela (A Coruña) Tel.: 981 93 78 76