A Secretaría Xeral de Igualdade publica a súa nova páxina web
Xoves, 15 Xullo 2010 16:00
O departamento responsable das políticas de Igualdade en Galicia confiou en BALIDEA para a posta en marcha do seu novo portal web (http://igualdade.xunta.es) que, baixo o nome de Mulleres en Galicia, espera converterse nun punto de encontro para todas as persoas, mulleres e homes, que viven en Galicia e que están interesadas en conseguir unha sociedade máis igualitaria. “Nace co obxectivo de ser unha ferramenta útil para todas as persoas”, explicaba esta mañá, no acto de presentación da páxina, a secretaria xeral de Igualdade, Marta González.
O equipo da Oficina Web de BALIDEA colaborou con este departamento da Presidencia da Xunta de Galicia no deseño e desenvolvemento do portal, que utiliza o xestor de contidos Drupal e implementa novas funcionalidades con respecto ao anterior.
En canto ao deseño, cabe destacar o emprego de novas cores, máis actuais e frescas, e a creación de iconos propias que asintan unha identidade corporativa propia para o portal, á vez que facilitan a navegación.
Accesibilidade, seguridade e fácil navegación
Entre as novas funcionalidades do portal pódese sinalar que a nova web inclúe un calendario interactivo para facilitar a navegación na Axenda, un buscador de palabras que permite ás/ós usuarias/os á localización dos contidos de forma máis rápida e unha taxonomía para a etiquetaxe das unidades de información por área temática, departamento, colectivo e feitos vitais. Desta forma, é posible filtrar, entre outros contidos, as noticias, eventos, axudas ou programas en función da taxonomía implementada. Ao pé de cada unha das unidades de información do portal aparecen referenciados os termos da taxonomía, que funcionan como unha ligazón que permite acceder a toda a información que a páxina ten dispoñible sobre unha temática, departamento, colectivo ou feito vital concreto.
O portal dispón tamén dun sistema de subscrición RSS que permite a subscrición a todas as novidades da web ou só a aquelas que resulten de especial interese para unha persoa usuaria.
O portal Mulleres en Galicia foi desenvolvido sobre a plataforma Drupal, un xestor de contidos de ampla difusión e implantación entre a comunidade de desenvolvemento web que é completamente funcional cos navegadores máis empregados e cuxas vulnerabilidades son detectadas rapidamente, dispondo de solucións para elas de forma case inmediata. Aínda que Drupal ofrece plenas garantías de seguridade e numerosos controis de acceso, o portal da Secretaría Xeral de Igualdade foi testado, cun resultado óptimo, polos servizos informáticos da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia.
É preciso destacar tamén que a páxina cumpre con todos os estándares de desenvolvemento esixidos pola normativa vixente en materia de accesibilidade e usabilidade web, quedando así garantido que todas as persoas, independentemente de factores como a idade ou a discapacidade poidan acceder con total garantía aos contidos do portal web.
Outros proxectos web recentes
O portal da Secretaría Xeral de Igualdade convértese así na última colaboración de BALIDEA coa Xunta de Galicia en materia de desenvolvemento de portais e espazos web. Recentemente, a empresa participou tamén no deseño e posta en marcha de iniciativas como a do portal do Plan Estratéxico Galicia 2010-2014 para a Consellería de Facenda ou a actualización e reordenación de datos da Guía de Comunicación da Xunta de Galicia.
| < Anterior | Seguinte > |
|---|