BALIDEA recibe en Vigo a certificación da ISO 20000
Venres, 16 Xullo 2010 15:30
BALIDEA estivo entre as 20 empresas do sector TIC galego que onte recibiron, nun acto que tivo lugar no Auditorio da Zona Franca de Vigo, as certificacións de calidade ISO 27001:2007 e ISO 20000.
Con esta entrega, concluíu o proxecto de implantación de certificacións de calidade en empresas do sector TIC galego que coordinou INEO, asociación de referencia en novas tecnoloxías que agrupa a máis de 80 empresas, BALIDEA entre elas, e que cofinanciaron o Ministerio de Industria, Turismo y Comercio -dentro do Plan Nacional de Investigación Científica, Desarrollo e Innovación Tecnológica 2008-2011- e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Xunto con Alnitak, Elaboro, AFI, Bahía Software, Bonaval, Ednon, Level Telecom, Opensoft, Quobis e Ultreia, BALIDEA recibiu neste acto o certificado da ISO 20000, cuxa implantación ten certificada desde decembro do pasado ano. Esta, permite ás organizacións demostrar a súa capacidade para ofrecer servizos de tecnoloxía da información xestionados coas mellores prácticas da Biblioteca de Infraestrutura de Tecnoloxías de Información (ITIL), o estándar máis recoñecido a nivel mundial para a xestión e operación da infraestrutura das TI. BALIDEA demostra así que dispón dos controis e procedementos axeitados para prestar un servizo de TI rendible e de calidade.
No marco do mesmo proxecto, as organizacións Ultreia, Artemis, AVA, INFOJOC, Avanzas, Megasyc, Nextvision, Pexego e SIGA 98, recibiron tamén a certificación ISO 27001:2007.
Ao alcance dun reducido grupo de empresas entre o que tamén se atopa BALIDEA, certificada xa desde decembro de 2009 (aínda que a través doutra iniciativa), a ISO 27001:2007 especifica os requisitos necesarios para establecer, implantar, manter e mellorar un Sistema de Xestión de Seguridade da Información (SGSI). Deste xeito, a organización garante o emprego dunha metodoloxía que contribúe a minimizar o risco de perda, roubo ou corrupción da información.
Aposta pola excelencia e a mellora continua
Ademais destas certificacións, BALIDEA dispón doutras normas que dan conta da mellora continua que a empresa procura para os seus procesos de produción e xestión, como son o caso da UNE-EN ISO 9001:2008, que certifica o Sistema de Xestión da Calidade; ou a obtención do modelo de madurez CMMI, que certifica a mellora e a avaliación dos procesos para o desenvolvemento, mantemento e operación de sistemas de software.
No ámbito da Responsabilidade Social Corporativa, BALIDEA conta coa UNE-EN ISO 14001:2004, que certifica a súa xestión ambiental e coa OHSAS 18001:2007, que equivale ao Certificado do Sistema de Xestión de Seguridade e Saúde no Traballo. A estas últimas hai que engadir tamén a obtención do certificado de Validación de Declaración Ambiental do Sistema Comunitario de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS).
Todas estas certificacións, que afectan á xestión, produción e responsabilidade social e de relación coa contorna, reflicten a aposta decidida de BALIDEA pola excelencia e a mellora continua dos servizos que ofrece aos seus clientes.
| < Anterior | Seguinte > |
|---|