BALIDEA implantará a sinatura electrónica en dous portais da USC
Mércores, 26 Maio 2010 15:00
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de adxudicarlle a BALIDEA as tarefas de implantación da sinatura electrónica no Portal de Provedores e no de Directores de Centros de Gasto, dúas das aplicacións corporativas que a USC ten a disposición da comunidade universitaria.
BALIDEA prestará este servizo en colaboración co persoal da área TIC da USC que se encarga do desenvolvemento e mantemento destas aplicacións.
No marco desta actuación, corresponderalle á empresa desenvolver as tarefas de modificación das funcionalidades do actual Portal de provedores -para adecualo á utilización de roles de usuario- e a modificación das funcionalidades do Portal de directores de centros de gasto. O alcance do servizo abrangue tamén a integración dos portais na plataforma avanzada de sinatura dixital e a modificación do portal de control orzamentario da USC (eSicus), co fin de adecualo ás novas funcionalidades dos anteriore
Esta actuación insírese no proxecto eSICUS-eADM para a posta en marcha da Administración electrónica na USC. Coa implantación dos medios telemáticos sinalados, a entidade académica dará cumprimento aos aspectos tecnolóxicos das accións 3 e 4 do devandito proxecto, correspondente ao subprograma Avanza de Servizos Dixitais.
Integración de diferentes aplicacións
O Portal de provedores da USC é empregado por este colectivo para interactuar coa institución en todo o que respecta ás actividades relacionadas coa subministración de servizos. O portal permítelle aos provedores a recepción dos pedidos realizados pola USC, a consulta de facturas emitidas contra a mesma e a visualización do estado destas. Ademais, ofrece funcionalidades básicas de acceso e mantén unha relación estreita cos demais servizos contables da Universidade.
O portal de Directores de Centros de Gasto, en produción nestes momentos, permítelle aos responsables das partidas de investigación facer pedimentos de xeito automático aos provedores, asinándoos e enviándoos directamente ao portal destes últimos.
No marco da prestación deste servizo BALIDEA desenvolverá as utilidades necesarias que permitan a realización de movementos orzamentarios entre as diferentes aplicacións sinaladas e o eSICUS, o sistema de información contable da USC que engloba toda a xestión económica da entidade nunha única aplicación informática.
| < Anterior | Seguinte > |
|---|