O Hospital do Salnés adxudícalle a BALIDEA o seu servizo de información telefónica
Luns, 10 Maio 2010 13:19
O Hospital da Comarca do Salnés vén de adxudicarlle a BALIDEA o servizo de información e atención telefónica do centro, que a empresa levará a cabo, con persoal especializado, desde a centraliña situada na entrada principal do edificio. Como responsable do devandito servizo, BALIDEA dotarao dos elementos necesarios para que os seus usuarios e usuarias dispoñan dos elementos de apoio requiridos, en tempo e forma, e implantará as medidas axeitadas para garantir a calidade do servizo.
A oferta presentada por BALIDEA, en base aos requirimentos sinalados polo propio centro e mellorada en cuestións como o equipamento dispoñible para a prestación do servizo ou o aumento do horario de cobertura do mesmo, inclúe, entre outros cometidos, a atención telefónica aos usuarios/as externos e internos do hospital –derivándoos de ser preciso ás persoas ou servizos que corresponda-; a recollida de suxestións, queixas e/ou solicitudes de documentación; a xestión de pases de visita de familiares; ou a elaboración de informes periódicos que dean conta ao propio centro da situación dos traballos realizados.
Co fin de garantir a mellor atención posible aos usuarios e usuarias deste hospital, que presta servizo a unha área de máis de 75.000 habitantes dos concellos de Cambados, Catoira, A Illa de Arousa, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, BALIDEA levará a cabo un programa de formación do persoal asignado ao servizo para o desempeño axeitado das funcións que lle sexan encomendadas.
A través deste servizo, o Hospital do Salnés quere garantir a asistencia informativa a todos os usuarios/as do centro, achegando unha resposta personalizada a todos aqueles pacientes e familiares que fagan uso do mesmo para canalizar as súas queixas, suxestións, dúbidas…
| < Anterior | Seguinte > |
|---|