Balidea Consulting & Programming

Inicio  
Todas as novas BALIDEA porá en marcha a Oficina Virtual Económica do Concello da Coruña

BALIDEA porá en marcha a Oficina Virtual Económica do Concello da Coruña

Martes, 20 Abril 2010 13:07

No marco das actuacións a desenvolver para o cumprimento da Lei de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos, o Concello da Coruña vén de adxudicarlle a BALIDEA o contrato para a implantación da oficina web que prestará os servizos da súa Área Económica.

Con esta oficina virtual, o Concello da Coruña quere poñer en valor a información que posúe a súa Área Económica -información tributaria, ordenanzas fiscais, orzamentos municipais…- e prestarlle á cidadanía servizos on-line que se incluirán na sede electrónica da administración municipal, tales como o pago de taxas por emisión de documentos, os dereitos de exame ou as liquidacións que xeran ordenanzas como a de tramitación e expedición de documentos, dos cemiterios, dos vados e reservas de vía pública ou da ocupación de terreos de uso público, entre outras.

O alcance do proxecto ofertado por BALIDEA comprende unha serie de actuacións encamiñadas a integrar e adaptar as funcionalidades da nova oficina cos sistemas dos que xa dispón o Concello da Coruña e a xerar un deseño gráfico que identifique a súa Área Económica cunha imaxe propia.

En canto ás utilidades da plataforma web que BALIDEA porá en marcha, en colaboración co equipo informático municipal, estas estruturaranse en base a catro bloques funcionais: un para a información tributaria, outro para o cálculo de autoliquidacións, unha carpeta tributaria e unha caixa de documentos.

O primeiro destes espazos constituirase como unha zona publica na que a cidadanía poderá obter información sobre os trámites, ordenanzas fiscais, calendario fiscal… mentres que o segundo permitirá facer simulacións dunha serie de autoliquidacións para, posteriormente, xerar o documento de pago ou efectuar o mesmo de xeito telemático. En canto á carpeta tributaria, esta achegará información sobre os tributos e o calendario fiscal personalizado de cada cidadán, permitíndolle ademais realizar operacións como a obtención de duplicados de recibos, o pago telemático de tributos, o cambio de domicilio fiscal… Xa por último, a oficina virtual contará tamén cunha caixa de descarga de arquivos onde se listarán, clasificados por diferentes criterios e para unha consulta personalizada, aqueles documentos que se xeraron nos módulos anteriores.

As TIC ao servizo da administración e da cidadanía

Coa posta en marcha desta oficina virtual, o Concello da Coruña dá un paso máis na prestación de servizos á cidadanía a través das tecnoloxías da información e da comunicación. O seu uso permítelle á administración local gañar en eficiencia e accesibilidade ao por a disposición de todos os coruñeses e coruñesas a posibilidade de realizar trámites sen necesidade de longas esperas nin  desprazamentos, facilitando tamén o acceso a todas aquelas persoas que presenten dificultades de mobilidade ou outro tipo de condicionantes.

Para o cumprimento dos obxectivos que o Concello da Coruña pretende alcanzar con este servizo,  BALIDEA porá a disposición desta administración a súa experiencia en proxectos de similares características desenvolvidos nos últimos anos (sistemas de sinatura dixital; módulos para o pagamento de taxas, multas, sancións; descarga de cartas de pago; sistemas de xestión de actividades económicas, académicas, de contratación…).

   
  • Edificio Witland. Rúa dos Camiños da Vida s/n. baixo 15705 Compostela (A Coruña) Tel.: 981 93 78 76