Balidea Consulting & Programming

Inicio  
Todas as novas A Universidade de Vigo xa tramita on-line as bolsas máster e de comedor

A Universidade de Vigo xa tramita on-line as bolsas máster e de comedor

Martes, 09 Marzo 2010 11:11

A Universidade de Vigo acaba de completar o proceso para poñer a disposición do seu alumnado, e coa colaboración de BALIDEA, un servizo web que permite realizar de forma electrónica a solicitude das bolsas de comedor, así como a xestión posterior das mesmas, e tamén das bolsas máster, por parte da administración da Universidade.

Isto é así porque, ademais de facilitar este trámite aos usuarios/as, os módulos de xestión desenvolvidos para o Sistema de Xestión Académica da entidade viguesa inclúen as aplicacións necesarias para que o persoal de administración aborde a xestión das convocatorias e o procesamento das solicitudes recibidas.

A Universidade de Vigo confioulle a BALIDEA o desenvolvemento destas aplicacións, cunha parte integrable na secretaría virtual á que se accede a través do portal web da entidade académica, e que permitirá aos alumnos e alumnas realizar as solicitudes de bolsas; e a outra integrable no entorno do Sistema de Xestión Académica da Universidade de Vigo, á que só poderá acceder o persoal administrativo e que permitirá a xestión das solicitudes recibidas.

Eficacia na tramitación e rapidez na resposta

O proceso que se deberá seguir para a xestión destas bolsas iníciase coa creación dunha convocatoria por parte do persoal de administración e da súa solicitude por parte do/a alumno/a.

No caso das bolsas de comedor o trámite deberá realizarse necesariamente a través da web para que a solicitude quede gardada no sistema e xere así unha versión impresa que o/a alumno/a deberá entregar no rexistro da Universidade. No caso das bolsas máster o procedemento pode realizarse do mesmo xeito, se ben a tramitación vía web non é neste caso a única opción que ten dispoñibe o alumnado.

Unha vez que a solicitude foi rexistrada, o persoal de administración da Universidade procede á súa validación económica e académica para que, deste xeito, o/a alumno/a poida coñecer, no menor tempo posible, se esta foi aceptada ou rexeitada e, de ser este último o caso, cales foron as causas do rexeitamento.

A prestación deste servizo ao alumnado, que inclúe tamén as ferramentas que lle facilitan ao persoal administrativo a súa xestión, reflicte o compromiso da Universidade de Vigo polo desenvolvemento da administración electrónica, co obxectivo de prestar un mellor servizo a toda a comunidade universitaria.

Esta actuación insírese no marco dun proxecto de renovación e implementación do Sistema de Xestión Académica da Universidade de Vigo que, á súa vez, se integra nun máis amplo de actualización das TIC na entidade. Neste último inclúese tamén a renovación do portal http://www.uvigo.es/, realizada tamén por BALIDEA e publicada a semana pasada.

   
  • Edificio Witland. Rúa dos Camiños da Vida s/n. baixo 15705 Compostela (A Coruña) Tel.: 981 93 78 76