A Universidade de Vigo renova o seu portal web coa colaboración de BALIDEA
Mércores, 03 Marzo 2010 19:30
A Universidade de Vigo vén de estrear http://www.uvigo.es/, un novo portal web co que proxecta unha imaxe corporativa máis moderna, adaptada á súa nova identidade, e incorpora contidos e funcionalidades que veñen a sumarse a aquelas que xa presentaba a súa web anterior.
A entidade académica viguesa confioulle a BALIDEA o deseño e a posta en funcionamento desta nova web, un proxecto que incluíu, entre outros traballos, a migración do anterior portal á versión 6.4 de Open CMS e a validación dos contidos conforme ao nivel AA das directrices marcadas no consorcio WC3 (World Wide Web Consortium).
Esta renovación insírese no marco dun programa máis amplo de actualización das tecnoloxías da información e da comunicación que a Universidade de Vigo está a desenvolver na actualidade, e dentro do cal BALIDEA ten en fase de desenvolvemento dous módulos de xestión -un de bolsas máster e outro de bolsas de comedor- que lle van permitir ao alumnado realizar de forma electrónica a solicitude destas axudas.
Máis dinámica e funcional
A nova ferramenta en liña da universidade viguesa dispón de versións operativas en galego e castelán, ás que en breve se sumará outra en inglés, e foi deseñada e programada seguindo as directrices de accesibilidade e usabilidade da WAI (Web Accessibility Initiative). Ademais, incorpora caixas de correo a través das cales os/as internautas poden deixar mensaxes dirixidas a calquera dos departamentos universitarios.
Coa finalidade de achegar unha imaxe máis actualizada da institución académica, reorganizáronse os contidos do portal, dotándoos de novas ferramentas e espazos que o completan e simplifican.
Entre estas novas incorporacións inclúense apartados como Coñécenos ou Vida Universitaria, dirixidos a un público potencial ou recentemente incorporado á institución e nos que se incluíron mapas interactivos que facilitan unha localización máis precisa dos campus ou dos servizos que neles existen, como comedores ou cafeterías.
Coa finalidade de facilitar a busca de determinados servizos e áreas, o portal dispón de accesos directos baixo o epígrafe Outras webs. Para a información de actualidade, que ocupa o bloque central da páxina, a web remite ás novas publicadas no Diario Dixital da Universidade de Vigo, o DUVI, onde se inclúen as informacións que se producen nos seus tres campus.
| < Anterior | Seguinte > |
|---|