Balidea Consulting & Programming

Inicio  
Todas as novas BALIDEA implanta procesos de excelencia cos que acada dous novos selos de calidade

BALIDEA implanta procesos de excelencia cos que acada dous novos selos de calidade

Mércores, 20 Xaneiro 2010 13:12

BALIDEA, especializada en desenvolvemento de software e outros servizos de Tecnoloxías da Información (TI), vén de converterse na primeira empresa galega que logra sumar as certificacións ISO 20000 e ISO 27001, dous dos principais selos de calidade que se empregan para avaliar a actividade profesional neste ámbito de traballo. Con eles, recoñécese o esforzo realizado pola empresa para converter a calidade e a mellora continua dos seus servizos en elementos diferenciais que contribúan a pór en valor a súa actividade.

O estándar para a seguridade da información UNE/IEC ISO 27001:2007 especifica os requisitos necesarios para establecer, implantar, manter e mellorar un Sistema de Xestión da Seguridade da Información (SXSI). Coa obtención desta certificación, BALIDEA entra a formar parte do reducido número de organizacións en España (ao redor de duascentas a día de hoxe) que contan con este selo de calidade do seu sistema de información, contando así cunha metodoloxía de xestión da seguridade clara e estruturada, que contribúe a minimizar o risco de perda, roubo ou corrupción da información. Ao seguir o proceso no que se implanta un SXSI, BALIDEA garante que coñece, asume, xestiona e minimiza -dunha forma sistemática, estruturada e eficiente- os riscos asociados á seguridade da información.

En canto á certificación ISO 20000, que do mesmo xeito que a anterior foi certificada por AENOR, permite ás organizacións demostrar a súa capacidade para ofrecer servizos de tecnoloxía da información xestionados coas mellores prácticas. Estas, correspóndense coas sinaladas pola Biblioteca de Infraestrutura de Tecnoloxías de Información (ITIL), o estándar máis recoñecido a nivel mundial para a xestión e operación da infraestrutura das TI. Con esta certificación BALIDEA demostra que dispón dos controis e procedementos axeitados para prestar un servizo de TI rendible e de calidade.

BALIDEA obtivo esta certificación a través do proxecto “Implantación y certificación de ISO 2000 en las pymes asociadas a INEO y a la AEI del portal calidaddelsoftware.com en 2008” (TSI-030200-2008-33), cofinanciado polo Ministerio de Industria, Turismo y Comercio -dentro do Plan Nacional de Investigación Científica, Dessarrollo e Innovación Tecnológica 2008-2011- e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). 

Aposta pola excelencia e a mellora continua

Estas dúas novas certificacións intégranse agora con outras normas para os procesos de produción e xestión xa implantadas en BALIDEA, como é o caso da UNE-EN ISO 9001:2008, que certifica o Sistema de Xestión da Calidade; ou a obtención do modelo de madurez CMMI, que certifica a mellora e a avaliación dos procesos para o desenvolvemento, mantemento e operación de sistemas de software. No ámbito da Responsabilidade Social Corporativa, BALIDEA conta coa UNE-EN ISO 14001:2004, que certifica a súa xestión ambiental e coa OHSAS 18001:2007, que equivale ao Certificado do Sistema de Xestión de Seguridade e Saúde no Traballo e que BALIDEA conseguiu recentemente. A estas últimas hai que engadir tamén a obtención do certificado de Validación de Declaración Ambiental do Sistema Comunitario de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS).

Todas estas certificacións, que afectan á xestión, produción e responsabilidade social e de relación coa contorna, reflicten a aposta decidida de BALIDEA pola excelencia e a mellora continua dos servizos que ofrece aos seus clientes. Cun claro compromiso á contribución e á mellora do Desenvolvemento Sustentable, BALIDEA adopta así unha visión estratéxica, a longo prazo, baseada na elevada calidade dos servizos prestados, no respecto aos dereitos fundamentais en materia social e de traballo e nunha aposta respectuosa co medio ambiente.

Os compromisos adquiridos por BALIDEA teñen repercutido tamén en outro tipo de recoñecementos, como pode ser o de empresa GACELA. A publicación ARDÁN Galicia catalogou a BALIDEA (en 2008 e 2009) con este distintivo co que recoñece ás empresas que aumentan o seu volume de negocio de forma continuada, durante un período de polo menos tres anos consecutivos, por encima do 25% de incremento anual, durante cada un deles.

Coa garantía de AENOR

BALIDEA foi certificada nestas dúas normas por AENOR. Esta entidade, a través do desenvolvemento de normas técnicas e certificacións, contribúe a mellorar a calidade e a competitividade das empresas, os seus produtos e servizos; axudando des forma ás organizacións a xerar un dos valores máis apreciados na economía actual: a confianza.

Como entidade legalmente responsable da normalización en España, pon a disposición do tecido económico un catálogo de máis de 28.000 normas con solucións eficaces. AENOR é tamén a entidade líder en certificación, xa que os seus recoñecementos son os máis valorados. Os máis de 55.000 certificados emitidos até o de agora apoian ás organizacións en campos como a Xestión da Calidade, Xestión Ambiental, I+D+i, Seguridade e Saúde no Traballo ou Eficiencia Enerxética.

   
  • Edificio Witland. Rúa dos Camiños da Vida s/n. baixo 15705 Compostela (A Coruña) Tel.: 981 93 78 76