BALIDEA incorpórase á Plataforma Tecnolóxica das TIC galegas
Luns, 21 Setembro 2009 01:00
Ao igual que o resto de axentes integrados xa en Vindeira, BALIDEA únese a esta plataforma coa finalidade de contribuír a que produza un salto significativo nunha área, a das TIC, de importancia estratéxica para Galicia.
A Plataforma Tecnolóxica das TIC galegas defínese como un punto de encontro e diálogo de todos os axentes relacionados con este sector, cuxo futuro depende en gran medida da capacidade de manter e crear vantaxes competitivas mediante o desenvolvemento de actividades de investigación e innovación.
Consciente de que as probabilidades de manter unha industria TIC sostible e próspera en Galicia son practicamente inexistentes sen unha estratexia de innovación acertada, BALIDEA achegará a súa experiencia neste ámbito co fin de contribuír cos obxectivos que Vindeira se ten marcado a curto e longo prazo.
Para isto, esta empresa forma parte xa de tres grupos de traballo constituídos para desenvolver estudos e proxectos no ámbito das Tecnoloxías Informáticas de Base, no do turismo e no das TIC aplicadas ao campo da saúde.
BALIDEA quere así participar activamente no grupo de entidades que axuden a posicionar a industria TIC galega como líder en sectores estratéxicos, obxectivo último que esta plataforma se ten marcado e que pasa necesariamente polo fomento de sinerxias entre os axentes galegos interesados nas TIC (empresas, centros tecnolóxicos, grupos de investigación da universidade, entidades financeiras...).
Vindeira. Plataforma Tecnolóxica das TIC galegas ![]()
| < Anterior | Seguinte > |
|---|