Balidea Consulting & Programming

Inicio  
Todas as novas Premian á Dirección Xeral de Saúde Pública por un sistema xestionado por BALIDEA

Premian á Dirección Xeral de Saúde Pública por un sistema xestionado por BALIDEA

Mércores, 13 Xaneiro 2010 17:10

A Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación da Consellería de Sanidade foi recoñecida cun dos premios que outorga a fundación catalá Avedis Donabedian a proxectos de saúde pública, pola excelencia na calidade do seu Sistema de Control e Seguimento da Inspección Sanitaria en establecementos de obtención de carnes para consumo (SEMAGA).

Este sistema de mellora do control sanitario do sacrificio de gando bovino é pioneiro a nivel europeo, xa que non existe ningún proxecto similar que aplique tecnoloxías de última xeración, dispositivos persoais de información, seguimento en tempo real vía web e interconexión departamental con esta finalidade. SEMAGA permite, entre outras funcionalidades, que os servizos veterinarios poidan acceder en todo momento –mediante PDA e a través de redes inalámbricas- á información para o control e o seguimento do sacrificio dos animais, garantindo así a trazabilidade en todos os procesos. Ademais, este sistema potencia os mecanimos de comunicación entre todos os órganos da Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación e os servizos veterinarios oficiais.

Desde o ano 2004 un equipo de profesionais da Dirección Xeral de Saúde e Planificación, co apoio tecnolóxico de BALIDEA, encárgase da xestión integral deste sistema de información, do seu desenvolvemento, mantemento e evolución, así como da coordinación dos equipos de traballo implicados na súa implantación nos matadoiros e da formación dos distintos grupos de usuarios do sistema.

Grazas a SEMAGA, a Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación conta cun soporte telemático para automatizar a xestión dos procesos de control oficial nos matadoiros, rexistrar a información alí onde se produce e poñela a disposición de todas as persoas usuarias do sistema. Entre outras melloras, o sistema proporciona tamén os datos necesarios para identificar e minimizar ameazas relacionadas coa saúde, incrementa a probabilidade de que todos os servizos veterinarios teñan criterios uniformes e reduce a administración baseada en papeis e os seus custos asociados.

BALIDEA mellorará o sistema en 2010

SEMAGA está implantado na actualidade nos matadoiros de gando vacún cun maior volume de sacrificio de Galicia e, proximamente, estarao tamén no resto. Na actualidade hai 14 establecementos co sistema en funcionamento, o cal supón preto dun 80% do sacrificio de gando vacún que se realiza. Durante o 2010 implementarase o sistema en 12 matadoiros máis, co que se cubrirá máis do 90% do sacrificio.

Ao longo deste ano, o equipo de traballo de SEMAGA incorporaralle a este sistema un mecanismo de intercambio de información entre as diferentes consellerías implicadas no control do sacrificio de gando bovino co fin de axilizar os distintos procesos administrativos interdepartamentais. Xa nunha fase posterior, está previsto ampliar as capacidades do sistema para xestionar tamén o control do sacrificio do resto de especies sacrificadas nos matadoiros (ovino, porcino etc...).

Os premios da Fundación Avedis Donabedian á excelencia na calidade de proxectos de saúde pública están patrocinados pola Axencia de Protección da Saúde de Cataluña e teñen como obxectivo animar a todas as institucións que están desenvolvendo esforzos de mellora continua da calidade no ámbito da saúde pública a que se presenten e vexan recoñecido o seu traballo.

Premios Avedis Donabedian á excelencia en calidade Abre una nueva ventana

   
  • Edificio Witland. Rúa dos Camiños da Vida s/n. baixo 15705 Compostela (A Coruña) Tel.: 981 93 78 76