Balidea Consulting & Programming

Home  
All the news Balidea incorpora 18 persoas co apoio da Consellería de Traballo e Benestar

Friday, 02 December 2011 14:15

A directora xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar, Ana Díaz López, acompañou esta mañá ás persoas que completaron as dúas accións formativas dirixidas a desempregados/as que, co apoio deste departamento, se impartiron en Balidea nos últimos meses.

O acto, que comezou coa entrega de diplomas acreditativos destes cursos -un de programación de aplicacións avanzadas en Java e outro centrado no deseño e desenvolvemento de aplicacións web- pechouse coa sinatura de 18 contratos indefinidos para as persoas que fixeron un aproveitamento máis completo destas accións formativas e que, ao longo do mes de decembro, se irán incorporando progresivamente ao cadro de persoal de Balidea.

A dirección da empresa aproveitou o acto de peche dos cursos para agradecer á Consellería de Traballo e Benestar a súa colaboración no financiamento destas accións, así como o apoio e asesoramento do persoal que colaborou no seu desenvolvemento. Balidea agradece, de xeito especial, a implicación activa, ao longo de todo o proceso, do persoal da dirección territorial da Coruña, dos servizos centrais da Dirección Xeral de Formación e Colocación e da Oficina de Emprego de Santiago Centro.

Coa sinatura destes contratos rematan os cursos dirixidos a persoas desempregadas que comezaran a impartirse o 21 de xullo, despois dunha preselección entre as máis de 90 persoas que presentaran a súa solicitude para asistir a eles.

Financiados a través da liña de axudas ao desenvolvemento de accións formativas dirixidas prioritariamente a traballadores e traballadoras desempregados/as (Plan AFD), os cursos foron “J2EE-Programación de aplicacións avanzadas en Java” e “Deseño e desenvolvemento de aplicacións web empregando ferramentas CMS”.

Balidea, que adaptou os contidos ás demandas do mercado actual, xa adquirira, no momento da convocatoria, o compromiso de contratar a un 60% do alumnado que rematase esta formación.

Coa sinatura destes contratos Balidea continúa apostando firmemente por plans de formación axustados ás necesidades reais do sector para integrar novos traballadores e traballadoras no seu cadro de profesionais.

   
  • Edificio Witland. Rúa dos Camiños da Vida s/n. baixo 15705 Compostela (A Coruña) Tel.: 981 93 78 76