Balidea Consulting & Programming

Home  
All the news BALIDEA prestará servizo de soporte informático aos laboratorios do CHUVI

Wednesday, 07 April 2010 12:58

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo vén de resolver a adxudicación definitiva do servizo de soporte dos sistemas de información dos seus laboratorios a favor de BALIDEA. En coordinación co equipo de informática deste centro, a empresa prestará unha serie de servizos entre os que figura a actualización de versións das aplicacións empregadas nos laboratorios do CHUVI, o desenvolvemento e posta en marcha dun plan de mantemento dos estándares de calidade na información rexistrada nos seus sistemas de información e o desenvolvemento e coordinación dun programa de formación eficaz para todos os usuarios e usuarias destes sistemas.

No marco da prestación deste servizo, que se prolongará ata o 2012, BALIDEA responsabilizarase tamén de garantir a operatividade dos devanditos sistemas a través do soporte in-situ. Ademais, e a través do desenvolvemento, configuración e mantemento necesarios, será a responsable da correcta visualización da información rexistrada nestes sistemas de información desde Ianus, o Proxecto de Historia Clínica Electrónica do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

Melloras e experiencia no servizo

Ademais dun equipo profesional coa cualificación necesaria para implantar as medidas que garantan a calidade do servizo, a oferta que BALIDEA lle presentou ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo incluía unha serie de melloras en cuestións como o aumento do horario de cobertura do servizo in-situ requirido polo CHUVI ou a diminución dos tempos máximos de resposta ante a comunicación de incidencias que se poidan producir tanto dentro como fóra do horario de cobertura directa.

Do mesmo xeito, e para poder levar a cabo de forma axeitada a execución do conxunto dos servizos requiridos, BALIDEA incluíu na súa oferta as metodoloxías de traballo específicas para garantir a consecución de todos os obxectivos propostos en canto a soporte e mantemento correctivo, formación, control e seguimento do proxecto e ao coñecemento da medida de satisfacción dos usuarios/as con respecto aos sistemas de información e ao grado de cumprimento dos obxectivos establecidos.

O servizo que BALIDEA prestará aos sistemas de información dos laboratorios do complexo vigués -formado polo Hospital Xeral, o Cíes, o Meixoeiro, o Nicolás Peña, o do Rebullón e os centros de especialidades deles dependentes- vén avalado pola experiencia de ter desenvolvido nos últimos anos proxectos de características moi semellantes para organismos como o SERGAS, o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) da Consellería de Facenda, a Consellería do Medio Rural, o Consello de Contas de Galicia, o Instituto Galego de Promoción Económica, A Axencia Galega de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias de Galicia (Avalia-t) ou a Universidade de Vigo, entre outros.

   
  • Edificio Witland. Rúa dos Camiños da Vida s/n. baixo 15705 Compostela (A Coruña) Tel.: 981 93 78 76