Balidea Consulting & Programming

Home  
All the news BALIDEA desenvolverá unha aplicación para a xestión da telefonía fixa da USC

Monday, 29 March 2010 11:44

A Universidade de Santiago de Compostela vén de confiarlle a BALIDEA a prestación dun servizo de análise, deseño, desenvolvemento e instalación dunha aplicación que vai integrar unha serie de funcionalidades de xestión da súa rede de telefonía fixa, en concreto as que permitirán xestionar a facturación, as tarefas de cableado e o directorio telefónico da entidade académica.

A nova ferramenta vaille facilitar a xestión destes traballos ao persoal da área TIC da USC, departamento responsable da xestión do servizo de telefonía. Con esta aplicación, que BALIDEA desenvolverá en colaboración con profesionais desta área, conseguirase unha xestión máis eficaz e centralizada, así como unha optimización dos recursos dispoñibles, de boa parte dos servizos que presta a sección de telefonía fixa desta entidade, entre eles o de rexistro de altas e modificacións en unidades e/ou extensións; o de instalación, xestión e mantemento da infraestrutura de cable ou o de facturación.

Atendendo aos requirimentos funcionais do sistema, vanse desenvolver tres módulos (de datos, de facturación e de informes) que permitirán abordar unha serie de tarefas entre as que figura a elaboración de informes de consumo e de facturación ou o envío de documentación aos responsables dos centros de gasto. O sistema incluirá ademais a carga de arquivos de obrigas no e-Sicus, a aplicación de xestión presupostaria empregada pola USC para a coordinación dos seus múltiples centros de gasto.

No que atinxe ao alcance técnico do proxecto, este basearase na plataforma tecnolóxica e a arquitectura que emprega habitualmente a área TIC da USC para os seus desenvolvementos.

As funcionalidades que integrará esta nova ferramenta van ser aplicables a toda a rede corporativa de telefonía fixa da USC, baseada nun sistema de centraliñas situadas en diversos edificios dos campus de Santiago e Lugo e en outros accesos independentes que se atopan conectados a certas dependencias universitarias (decanatos, vicerreitorados, secretarías...).

   
  • Edificio Witland. Rúa dos Camiños da Vida s/n. baixo 15705 Compostela (A Coruña) Tel.: 981 93 78 76