Wednesday, 20 January 2010 13:12
BALIDEA, especializada en desenvolvemento de software e outros servizos de Tecnoloxías da Información (TI), vén de converterse na primeira empresa galega que logra sumar as certificacións ISO 20000 e ISO 27001, dous dos principais selos de calidade que se empregan para avaliar a actividade profesional neste ámbito de traballo. Con eles, recoñécese o esforzo realizado pola empresa para converter a calidade e a mellora continua dos seus servizos en elementos diferenciais que contribúan a pór en valor a súa actividade.
O estándar para a seguridade da información UNE/IEC ISO 27001:2007 especifica os requisitos necesarios para establecer, implantar, manter e mellorar un Sistema de Xestión da Seguridade da Información (SXSI). Coa obtención desta certificación, BALIDEA entra a formar parte do reducido número de organizacións en España (ao redor de duascentas a día de hoxe) que contan con este selo de calidade do seu sistema de información, contando así cunha metodoloxía de xestión da seguridade clara e estruturada, que contribúe a minimizar o risco de perda, roubo ou corrupción da información. Ao seguir o proceso no que se implanta un SXSI, BALIDEA garante que coñece, asume, xestiona e minimiza -dunha forma sistemática, estruturada e eficiente- os riscos asociados á seguridade da información.
En canto á certificación ISO 20000, que do mesmo xeito que a anterior foi certificada por AENOR, permite ás organizacións demostrar a súa capacidade para ofrecer servizos de tecnoloxía da información xestionados coas mellores prácticas. Estas, correspóndense coas sinaladas pola Biblioteca de Infraestrutura de Tecnoloxías de Información (ITIL), o estándar máis recoñecido a nivel mundial para a xestión e operación da infraestrutura das TI. Con esta certificación BALIDEA demostra que dispón dos controis e procedementos axeitados para prestar un servizo de TI rendible e de calidade.
Aposta pola excelencia e a mellora continua
Estas dúas novas certificacións intégranse agora con outras normas para os procesos de produción e xestión xa implantadas en BALIDEA, como é o caso da UNE-EN ISO 9001:2000, que certifica o Sistema de Xestión da Calidade; ou a obtención do modelo de madurez CMMI, que certifica a mellora e a avaliación dos procesos para o desenvolvemento, mantemento e operación de sistemas de software. No ámbito da Responsabilidade Social Corporativa, BALIDEA conta coa UNE-EN ISO 14001:2004, que certifica a súa xestión ambiental e coa OHSAS 18001:2007, que equivale ao Certificado do Sistema de Xestión de Seguridade e Saúde no Traballo e que BALIDEA conseguiu recentemente. A estas últimas hai que engadir tamén a obtención do certificado de Validación de Declaración Ambiental do Sistema Comunitario de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS).
Todas estas certificacións, que afectan á xestión, produción e responsabilidade social e de relación coa contorna, reflicten a aposta decidida de BALIDEA pola excelencia e a mellora continua dos servizos que ofrece aos seus clientes. Cun claro compromiso á contribución e á mellora do Desenvolvemento Sustentable, BALIDEA adopta así unha visión estratéxica, a longo prazo, baseada na elevada calidade dos servizos prestados, no respecto aos dereitos fundamentais en materia social e de traballo e nunha aposta respectuosa co medio ambiente.
Os compromisos adquiridos por BALIDEA teñen repercutido tamén en outro tipo de recoñecementos, como pode ser o de empresa GACELA. A publicación ARDÁN Galicia catalogou a BALIDEA (en 2008 e 2009) con este distintivo co que recoñece ás empresas que aumentan o seu volume de negocio de forma continuada, durante un período de polo menos tres anos consecutivos, por encima do 25% de incremento anual, durante cada un deles.
Coa garantía de AENOR
BALIDEA foi certificada nestas dúas normas por AENOR. Esta entidade, a través do desenvolvemento de normas técnicas e certificacións, contribúe a mellorar a calidade e a competitividade das empresas, os seus produtos e servizos; axudando des forma ás organizacións a xerar un dos valores máis apreciados na economía actual: a confianza.
Como entidade legalmente responsable da normalización en España, pon a disposición do tecido económico un catálogo de máis de 28.000 normas con solucións eficaces. AENOR é tamén a entidade líder en certificación, xa que os seus recoñecementos son os máis valorados. Os máis de 55.000 certificados emitidos até o de agora apoian ás organizacións en campos como a Xestión da Calidade, Xestión Ambiental, I+D+i, Seguridade e Saúde no Traballo ou Eficiencia Enerxética.
BALIDEA
BALIDEA é unha empresa galega especializada no deseño, desenvolvemento e implantación de proxectos na área das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións; o mantemento, soporte técnico e explotación de aplicacións informáticas, software e sistemas operativos na área das TI e en consultoría especializada en Sistemas de Información.
Desde o ano 2002 presta estes servizos tanto no ámbito da administración pública como no da empresa privada e está integrada por un equipo de profesionais cualificados e implicados na mellora continua da organización e en ofrecer aos seus clientes servizos da mellor calidade.