Xornada estival de fútbol praia para estimular a saúde de nenos e nenas de Chernóbil

Xornada estival de fútbol praia para estimular a saúde de nenos e nenas de Chernóbil

Balidea patrocina unha xornada de convivencia cos nenos e nenas de Chernóbil que están pasando o verán en Galicia grazas ao programa de acollida promovido pola Asociación Ledicia Cativa. A xornada terá lugar este sábado 30 de xullo na praia de Sabón (Arteixo), dentro das actividades do campus de verán da Escola de Fútbol Praia RA10, impulsada por Ramiro Amarelle, un dos xogadores desta disciplina máis laureados a nivel mundial.

Hai 30 anos, o 26 de abril de 1986, o reactor 4 da central nuclear de Chernóbil sufriu un quecemento súbito que rematou provocando un dos accidentes medioambientais meirandes da historia. Oficialmente o desastre afectou as vidas de 600.000 persoas nun radio de 30 quilómetros ao redor da central, incluíndo áreas de Bielorrusia, Ucraína e Rusia. As súas consecuencias para a saúde aínda están presentes hoxe e prevese que que se manteñan durante varias xeracións. A Organización Mundial da Saúde constatou un incremento na zona de enfermidades oncolóxicas como o cancro de tiroides e a leucemia, enfermidades cardíacas e danos no sistema inmunolóxico. Os máis vulnerables son os nenos e nenas, que en moitos casos tampouco viven en contextos socioeconómicos favorables.

É por iso que Balidea quixo apoiar o programa de acollida que ano tras anos desenvolve a Asociación Ledicia Cativa en Galicia. Cada verán máis de sesenta menores procedentes da rexión rusa de Briansk, unha das máis afectadas pola radiación de Chernóbil, pasan dous meses con familias galegas para levar a cabo un proceso de recuperación da saúde física e sanitaria, con recoñecementos médicos e tratamentos especializados se é necesario.

Balidea convídaos por segundo ano consecutivo a participar nunha xornada de convivencia dentro do programa de actividades do campus de verán da Escola de Fútbol Playa de Ramiro Amarelle. Será un día completo cargado de actividades deportivas, bo ambiente e experiencias estivais, que busca a integración e o goce dos menores acollidos. Para facelo posible Balidea achega todo o apoio loxístico e organizativo necesario, cubrindo todos os gastos da xornada e aportando tecnoloxía de vangarda a través do seu proxecto Adestrapp para a grabación e visualización das imaxes da mesma.

Balidea é patrocinador habitual, entre outras organizacións deportivas, da Escola de Fútbol Praia RA10, que este ano chega á quinta edición dos seus campus de verán. Vendo como ano tras ano un neno de Briansk que visitaba Galicia se apuntaba ao campus, acabou contactando con Ledicia Cativa e propoñéndolle unha actividade extensiva a todos os nenos e nenas que participan no programa de acollida. Nesta xornada de convivencia poderán practicar diferentes xogos e técnicas de fútbol praia, como chilenas, gol e gol, tiros... Ademais, organizaranse partidos entre eles, gozarán bañándose no mar e realizarán unha comida colectiva coas familias de acollida.

Ledicia Cativa

A Asociación Ledicia Cativa é unha ONG sen ánimo de lucro, cuxa principal actividade é a xestión da acollida temporal de menores da rexión rusa afectada pola radiación de Chernóbil. Así mesmo, procura a acollida de nenos e nenas doutras zonas de Rusia afectadas por outros desastres socioeconómicos e ambientais ocorridos na época soviética e que non son tan coñecidos en occidente. En todos os casos o obxectivo é realizar procesos recuperativos de saúde.

Segundo os datos do Instituto Independente de Seguridade Radiolóxica BELRAD, nun só verán co noso clima e alimentación os pequenos poden reducir as consecuencias da radioactividade no seu desenvolvemento entre un 30% e un 40%, e a maiores van cargados de defensas para afrontar o inverno.

Campus Ramiro Amarelle de Fútbol Praia

En 2016 celébrase a quinta edición do Campus Ramiro Amarelle, organizado pola Escola de Fútbol Praia RA10, con sedes en Arteixo e tamén nas localidades de Mazagón e Punta Umbría na provincia de Huelva. Realízase en colaboración coa Beach Soccer Foundation e co respaldo da Organización Internacional de Fútbol-Praia. Conta co patrocinio de Balidea, que nesta edición permitiu tamén a aplicación de Adestrapp nas súas actividades deportivas, co obxectivo de gravar as xogadas e visionalas posteriormente para corrixir erros e mellorar as técnicas.

O seu impulsor, Ramiro Amarelle, é o xogador de fútbol praia máis laureado a nivel mundial. Na actualidade é xogador e adestrador do F.C. Barcelona de Fútbol Praia, así como o único consultor acreditado de fútbol praia da Federación Internacional de Fútbol (FIFA) e consultor estratéxico de Adestrapp para Balidea. No seu palmarés destacan innumerables títulos como o de subcampión do Mundo, mellor xogador do mundo e MVP da Beach Soccer World Cup ou campión da Euro Beach Soccer League.

Comparte este post: