O novo portal institucional da Universidade de Vigo xa é unha realidade. É o resultado dun proceso que arrancou en outono do ano pasado e xuntou a varios equipos baixo a imprescindible coordinación da área TIC da universidade. Nese proceso colectivo Balidea tivo un papel destacado: encargouse do desenvolvemento do portal, empregando Drupal 8. Balidea aplica así toda a experiencia acumulada en múltiples proxectos na versión anterior de Drupal e a traslada á última versión do que é probablemente o CMS máis dinámico existente: versátil, seguro e de código aberto.
Entre as características do novo portal destaca especialmente a reutilización de información grazas á conexión do portal coas aplicacións de xestión coas que conta a universidade. O obxectivo é reducir o esforzo no manexo interno da información e garantir a súa adecuada actualización. A información recolle de diversas aplicacións información como o directorio, os avisos, a normativa, as convocatorias, os cursos que se celebran, actividades deportivas e de todo tipo, as novas e os eventos da axenda.
A nova web está estruturada en cinco grandes apartados: A Universidade (información da institución), Estudar (oferta académica), Investigación (actividade investigadora), No Campus (actividade extraacadémica) e Ven á UVigo (sobre o acceso á universidade). Conta ademais con catro accesos por perfís de usuario: Estudantes, PAS, PDI e Empresas. A solución tecnolóxica achegada por Balidea fixo posible trasladar a proposta de deseño e de organización de contidos a un portal web que responde axeitadamente á demanda dunha navegación lóxica e un funcionamento 100% responsive.