A plataforma de comunicación en tempo real do Sergas, desenvolvida por Balidea, peza clave do programa de Tele-ictus

A plataforma de comunicación en tempo real do Sergas, desenvolvida por Balidea, peza clave do programa de Tele-ictus

29 DE OUTUBRO: DÍA MUNDIAL DO ICTUS

O novo Plan Ictus da Consellería de Sanidade, baseado na teleasistencia, ten como ferramenta clave a plataforma tecnolóxica de comunicación en tempo real do Servizo Galego de Saúde (Sergas), desenvolvida por Balidea.

O principal obxectivo do programa de Tele-ictus é diminuír o tempo transcorrido dende o inicio dos síntomas, a confirmación diagnóstica e a chegada ao hospital, grazas á atención por videoconferencia. Isto require unha estreita colaboración entre os servizos de emerxencias médicas, os centros de atención primaria, os hospitais comarcais e os centros de referencia, resultando imprescindible un sistema de comunicación instantánea.

A plataforma CETIR deseñada por Balidea permítelles aos médicos de urxencias en calquera punto de Galicia contactar co Centro de Atención ao Ictus, con especialistas en neuroloxía dispoñibles as 24 horas do día, os 365 días do ano. A través de videoconferencia, os neurólogos do Centro de Atención ao Ictus poden examinar á persoa mediante unha cámara web de alta resolución, interrogala e interactuar co persoal facultativo presente. Logo desta avaliación, decídese se debe ser trasladada a un dos tres hospitais con unidade de ictus: o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e o Complexo Hospitalario Universitario A Coruña.

O obxectivo final é adecuar o procedemento terapéutico ás necesidades específicas asistenciais de cada paciente, coordinando a actuación entre os distintos profesionais no menor tempo posible.

As tres Fs: Fala, Forza e Faciana

A campaña asociada ao Plan Ictus do Sergas fai referencia aos principais síntomas desta patoloxía, resumidos nas tres Fs: Fala (non ser capaz de dicir correctamente palabras simples), Forza (non poder elevar os brazos á mesma altura máis de dez segundos) e Faciana (non mostrar todos os dentes ao sorrir). Cando unha persoa sufra algún deles deberá chamar de inmediato ao 061, que activará o código ictus para trasladar ao paciente no menor tempo posible ao hospital máis próximo.

Estes tres síntomas indicativos de estar sufrindo un ictus son facilmente identificables nun recoñecemento visual a través de videoconferencia, polo que o sistema de comunicación en tempo real desenvolvido por Balidea resulta de gran utilidade para contactar cos neurólogos de garda e axilizar o tempo de atención. Preténdese así que calquera persoa que sufra un ictus, suceda no lugar que suceda de toda Galicia, sexa atendida por un especialista, con neurólogos sempre de garda nos tres hospitais de referencia.

O ictus está entre as primeiras causas de mortalidade en Galicia, cunha media de 7.000 novos casos ao ano, segundo os datos da Sociedade Española de Neuroloxía. Supón tamén unha das patoloxías que resta anos de esperanza de vida á poboación galega, unha das causas de morbilidade hospitalaria e un dos motivos de discapacidade permanente na idade adulta. No 50% dos casos deixa secuelas, polo que con este novo plan de atención espérase atallar o problema reducindo os tempos de atención e paliando todas as súas consecuencias.

Unha plataforma integradora

CETIR distribúe as diferentes comunicacións do Sergas con independencia da súa natureza e orixe, coa finalidade de integrar todos os sistemas corporativos de comunicación xa existentes, aos que engade un sistema de telefonía IP e un novo de videoconferencia e mensaxería instantánea.

Pon a disposición do persoal do Sergas un escritorio virtual cun punto de acceso único aos diferentes sistemas de comunicación corporativos e con múltiples funcionalidades. Entre elas destacan a xestión de listas de contactos e grupos, a consulta do calendario de eventos e a realización de chamadas telefónicas ou de videoconferencias con múltiples posibilidades (compartir ficheiros, compartir o propio escritorio, elaborar enquisas, reproducir vídeos e audios etc.). Nunha mesma sesión poden participar varios usuarios do Sergas e ofrece a posibilidade de convidar a usuarios externos.

Esta plataforma estase a empregar noutras experiencias piloto, como é o caso do proxecto MasterMind. Esta iniciativa ten como obxectivo a xestión de trastornos de saúde mental mediante tecnoloxías e servizos avanzados, baseados na telemedicina, e levouse á práctica nunha fase inicial en centros de saúde da provincia da Coruña. Así mesmo, a plataforma de comunicación en tempo real do Sergas serve de tecnoloxía de comunicación entre os comités de tumores dos hospitais galegos.

O seu desenvolvemento incluíuse nos proxectos do Plan de Innovación Sanitaria Hospital 2050 da Consellería de Sanidade, cofinanciado polos Fondos FEDER.

Comparte este post: