O goberno danés volve confiar en Balidea para o desenvolvemento das súas ferramentas web de xestión da eficiencia enerxética

O goberno danés volve confiar en Balidea para o desenvolvemento das súas ferramentas web de xestión da eficiencia enerxética

A Axencia Danesa da Enerxía vén de renovar por outros 18 meses o contrato que mantén con Balidea para o desenvolvemento, evolución e mantemento das súas ferramentas web orientadas á eficiencia enerxética.

Balidea converteuse en 2013 no socio tecnolóxico que precisaba esta entidade para impulsar o seu plan de aforro enerxético. Dende entón encargouse da renovación de todos os seus portais web. Cun equipo de traballo dunha ducia de persoas leváronse a cabo tarefas de análise, definición, desenvolvemento e posta en marcha de máis de doce proxectos. Entre eles pódese atopar desde un portal que recolle un modelo xenérico de renovación dunha casa para facela máis eficiente, ata outros que ofrecen informes sobre a etiquetaxe enerxética oficial das vivendas e como mellorala, que poñen en contacto os usuarios con consultores enerxéticos autorizados, que suxiren o mellor sistema de calefacción segundo as características de cada vivenda, que permiten acceder a unha base de datos de profesionais e empresas instaladoras ou unha calculadora web de préstamos para afrontar as reformas. Todos teñen un obxectivo duplo: axudar aos daneses a aforrar enerxía no fogar, no traballo e nas administracións públicas; e promover un consumo máis respectuoso co medio ambiente.

Todas estas ferramentas parten de SparEnergi, o portal principal da Axencia Danesa da Enerxía, que contén información actualizada sobre o consumo enerxético e solucións para o seu aforro. Lanzouse en novembro de 2013 e está en constante actualización, baseándose no traballo do Centro de Investigacións Enerxéticas danés.

O conxunto de todas as aplicacións creadas por Balidea para o goberno danés compón o que se podería denominar como “itinerario da eficiencia enerxética”, que lle permite á cidadanía danesa mellorar a etiqueta enerxética oficial do seu fogar.

Esta experiencia serviulle á empresa para acadar un profundo coñecemento do sistema de xestión de contidos Drupal, logrando un dos principais avances neste sistema para interrelacionar todas as aplicacións entre si, de maneira que o usuario tan só ten que introducir os datos unha soa vez.

Comparte este post: