Balidea celebra o 15.º aniversario

Balidea celebra o 15.º aniversario

Balidea festexou o pasado venres os seus 15 anos de traxectoria no sector TIC galego. O encontro, realizado no Pazo do Faramello (Rois), xuntou a práctica totalidade dos/as 180 profesionais que conforman a empresa, procedentes da sede compostelá e das oficinas de Bilbao, A Coruña, Ourense e Vigo.

O director xeral de Balidea, Lorenzo Rodríguez, lembrou o camiño percorrido pola firma: “Nestes 15 anos conseguimos grandes logros dos que temos que estar orgullosos. Non sempre foi doado, pero creo que podemos mirar con orgullo todo o traballo feito”. Tamén puxo en valor o seu equipo como unha das claves da evolución da firma: “Balidea é unha empresa creada coa finalidade de prover solucións de calidade e para iso tiñamos claro que precisabamos dos mellores profesionais”.

Na celebración rendéuselle unha pequena homenaxe aos 15 empregados e empregadas máis veteranos/as coa entrega dun detalle conmemorativo.

Balidea naceu en xuño de 2002 como software factory co obxectivo de incorporar as tecnoloxías da información ao ámbito da Administración pública, no que se especializou. Hoxe é unha empresa de servizos TI que ofrece software e, ademais, consultoría e desenvolvemento, I+D+i, soporte e infraestruturas de telecomunicacións.   

A compañía non só ten presenza en Galicia, senón tamén no País Vasco, en Cataluña, en Dinamarca e no Reino Unido. 

A súa aposta cara ao futuro artéllase en tres eixes: a potenciación da innovación, para crear produto; a continuación da internacionalización, iniciada en Europa en 2013; e a ampliación do seu enfoque ao sector privado, no que xa incrementou a súa presenza, de xeito que actualmente constitúe o 30 % da súa facturación.

Proxectos emblemáticos   

Nestes anos, Balidea levou a cabo proxectos con diversos clientes, en varios sectores –sendo posiblemente o sanitario o eido de maior actividade– e en distintas comunidades autónomas, como Galicia, Asturias, Cantabria, Aragón, Madrid, Andalucía e Baleares.

No ámbito internacional, destacan os proxectos efectuados para a Axencia Danesa de Enerxía, a European Fisheries Control Agency (EFCA) da Comisión Europea ou as Nacións Unidas (ONU); Balidea é dunha das escasas compañías españolas provedora de servizos TIC para esta organización.

Froito dos proxectos de Balidea, desenvólvense aplicacións e plataformas coma PREBENCAR, para a prevención de problemas cardiovasculares; UnderstAID, para a prestación de asistencia a persoas que coidan de pacientes con demencia senil; a Rede de Escolas na Nube, para compartir experiencias e materiais entre centros; Energystyrelsen, para efectuar o cálculo do investimento, o custo e o aforro enerxético dos sistemas de calefacción eficientes; ou SIGUE, para facilitar a localización en interiores de pacientes en espazos hospitalarios.

A incorporación máis recente a esta carteira de produtos é ADESTRapp, unha tecnoloxía para a análise en tempo real de vídeo deportivo en competición e adestramento que se está a utilizar por parte de equipos de máximo nivel, coma o Atlético de Madrid, o Celta de Vigo, o RC Deportivo, o PSG, o Málaga ou o Obradoiro, e en ligas da Arxentina, México, Dinamarca, Dubái ou China.

Premios

Durante a edición deste ano da Noite Galega das Telecomunicacións, UnderstAID recibiu o galardón ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais. Ademais, tamén resultou distinguido en distintos certames o proxecto Rede de Escolas na Nube, Premio ComputerWorld & CIO Iberoamericano en 2012 e Premio Iniciativa Emprendedora CPEIG e mais finalista na categoría de E-learning and science dos World Summit Awards en 2013.

Compromiso coa calidade

Unha das prioridades de Balidea é a estandarización e a excelencia na prestación de servizos, de aí que implantase as seguintes normas de calidade, recentemente renovadas: Certificado do sistema de xestión da calidade UNE-EN ISO 9001, Certificado do sistema de xestión ambiental UNE-EN ISO 14001, Certificado do sistema de xestión de seguridade e saúde no traballo OHSAS 18001, Certificado do sistema de xestión da seguridade da información UNE-ISO/IEC 27001, Certificado do sistema de xestión da I+D+i UNE 166002 e Certificado do sistema de xestión de servizos de Tecnoloxías da Información UNE-ISO/IEC 20000-1.

Exercicio da Responsabilidade Social Empresarial

Balidea apoia varias iniciativas culturais, deportivas e tecnolóxicas para contribuír á transformación da súa contorna. Patrocina o equipo de baloncesto Balidea ADB Fontiñas Sénior Feminino de Santiago de Compostela, a categoría xuvenil de baloncesto do ID Sarmientos Viña do Campo de Ribadavia, todos os equipos do club de fútbol Imperátor da Coruña, o campus de verán da Escola de Fútbol Praia de Ramiro Amarelle que organiza a Asociación Ledicia Cativa en Arteixo para nenos e nenas de Chernóbil e os eventos TIC Drupal Day e Hack&Beers. Así mesmo, é unha das empresas colaboradoras da Festa da Istoria de Ribadavia. 

Comparte este post: